Noticias

O Museo adhírese ao Itinerario Cultural do Consello de Europa ‘Camiños de Arte Rupestre Prehistórica'

A integración na rede busca reforzar a proxección internacional entre un turismo arqueolóxico sostible e acceder a convocatorias europeas para o financiamento de actividades


27 setembro 2019
Arte Rupestre e Prehistórico

O Museo de Pontevedra vai ser membro do Itinerario Cultural do Consello de Europa ‘Camiños de Arte Rupestre Prehistórica' (CARP), a maior rede internacional para a cooperación en torno á arte dos primeiros europeos que integra nestes momentos máis de 150 dos principais destinos de arte rupestre abertos ao público en España, Portugal, Italia, Francia, Irlanda, Acerbaixán e Xeorxia.

Segundo explica o director do Museo, Xosé Manuel Rey, "a inclusión do Museo de Pontevedra na CARP pode supor unha magnífica ocasión para reforzar a súa visibilidade e proxección internacional, permitir o intercambio de experiencias e coñecemento experto sobre diferentes aspectos da xestión museística, e dispoñer de socios internacionais cos que acceder a convocatorias europeas para o financiamento de actividades conxuntas". Por todo isto, aprobarase hoxe no Pleno da Corporación provincial o ingreso formal no Itinerario.

A CARP é unha rede especialmente activa en materia de promoción dun turismo arqueolóxico sostible e dinamizador dos territorios rurais, formación de guías e persoal de atención ao público, desenvolvemento tecnolóxico e cooperación na execución de accións conxuntas a través de proxectos financiados pola Unión Europea. De feito, dada a relevancia de moitos dos socios do Itinerario Cultural do Consello de Europa, constitúe unha oportunidade inmellorable para difundir e dar a coñecer enclaves rupestres, museos, centros de interpretación e outros equipamentos que teñan a arte rupestre como un dos seus principais activos.

A día de hoxe forman parte deste Itinerario Cultural sitios emblemáticos como o Museo Nacional e Centro de Investigación de Altamira (España), Museu do Côa (Portugal), Lascaux IV-Centre International de l'Art Pariétal e Caverne du Pont-d'Arc-Chauvet (Francia) ou Gobustan National-Historical Artistic preserve (Acerbaixán), todos eles incluídos na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO.

Galicia, pola súa banda, conta con cinco destinos rupestres englobados nesta rede, todos eles no ámbito territorial da provincia de Pontevedra e a menos de 25 quilómetros de distancia do propio Museo, cos que pode cooperar para reforzar o coñecemento e promoción dos petróglifos de Galicia: o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, a área arqueolóxica da Caeira en Poio; a área arqueolóxica de Tourón en Ponte Caldelas; os petróglifos de Mogor en Marín, e os petróglifos de monte Penide en Redondela.

O Museo de Pontevedra e a arte rupestre

No informe xustificativo que argumenta a adhesión do Museo de Pontevedra á CARP destácase que a institución museística provincial ten unha longa tradición investigadora en relación coa arte rupestre que se remonta á Sociedad Arqueológica de Pontevedra.

O Museo, de feito, alberga entre os seus fondos un importante conxunto de materiais orixinais e de produtos derivados da súa investigación e estudo; conta cun importante arquivo gráfico e documental formado por fotografías, debuxos, apuntes ou bosquexos de distintos investigadores desde finais do século XIX ata a actualidade; posúe réplicas de moldes de xeso de Ramón Sobrino Buhigas realizados como consecuencia da súa investigación para a publicación do Corpus Petroglyphorum Gallaeciae (1935); así como tamén dispón de mostras orixinais de arte rupestre, tanto petróglifos como estelas e mesmo arte megalítica.

Outro dos puntos a ter en conta é que o Museo ten unha dilatada tradición no inventario e catalogación de petróglifos, evidenciada sobre todo a partir das publicacións Materiais para a Carta Arqueolóxica da provincia de Pontevedra (Filgueira Valverde e García Alén, 1953) e Gravados rupestres da provincia de Pontevedra (García Alén e Peña Santos, 1981), polo que xogou un papel destacado no seu proceso de declaración de Bens de Interese Cultural no ano 1974.

O terceiro dos argumentos defendidos para o ingreso na CARP é que o Museo é o depositario dos fondos arqueolóxicos que se van descubrindo nos diferentes xacementos da provincia de Pontevedra (agás os procedentes da cidade de Vigo que van ao Museo Quiñones de León). Isto, unido á longa tradición de adquisición de materiais desde a mesma constitución da Sociedad Arqueológica de Pontevedra, permite que conte cunha das mellores coleccións arqueolóxicas que permiten contextualizar axeitadamente a cultura material e as formas de vida das diferentes formacións sociais que crearon os petróglifos.

Finalmente, é de destacar que o Museo é un dos principais destinos turísticos da provincia de Pontevedra, polo que pode xogar un papel importante na promoción das visitas cara a outros sitios relevantes da provincia presentes nas súas coleccións.