Noticias

O Museo centra as súas VIII Xornadas de Exiptoloxía na figura do visir Amen-Hotep Huy en Luxor

O exiptólogo Francisco Martín Valentín e a exiptóloga Teresa Bedman explicarán os achados das escavacións de varias tumbas nas que traballa un equipo español e a importancia da muller no culto funerario


08 xullo 2019
Xornadas de Exiptoloxía

O Museo de Pontevedra acollerá os vindeiros 18 e 19 de xullo a oitava edición das Xornadas de Exiptoloxía de verán que este ano estarán centradas no proxecto arqueolóxico sobre a figura do visir Amen-Hotep Huy. As conferencias correrán a cargo da e do director da investigación sobre a necrópole do visir, o exiptólogo Francisco Martín Valentín e a exiptóloga Teresa Bedman.

O proxecto arqueolóxico Visir Amen-Hotep Huy vense desenvolvendo desde o ano 2009 a cargo do Instituto de Estudos do Antigo Exipto, en colaboración coa Universidade de Málaga e o Servizo de Antigüidades de Exipto na necrópole tebana de Asasif, en Luxor. Trátase dunha grande escavación de mais de mil metros cadrados onde xa se localizaron dúas tumbas intactas cos seus sartegos intactos e as súas correspondentes momias. Tamén se localizaron outras oito tumbas novas nunca antes escavadas nas que xa está a traballar un equipo español con importantes e novos resultados.

Os novos achados da campaña de 2018 serán explicados o vindeiro 18 de xullo, ás 19 horas, no salón de actos do Sexto Edificio do Museo polo doutor Francisco Martín Valentín, mentres que pola súa banda Teresa Bedman, exiptóloga e codirectora do proxecto, falará o día 19, ás 19 horas, da importancia da muller no Antigo Exipto dentro do contexto funerario, se ben centrará a súa conferencia nos obxectos achados no proxecto Visir Amen-Hotep Huy e que foron utilizados ritualmente por mulleres.