Noticias

O Museo compila por primeira vez nun catálogo total a obra de "Maside en Combarro, en 1952"

A edición inclúe obras non expostas e textos dos investigadores Rafael Vallejo, María Esther Rodríguez e Andrés Dacosta


15 maio 2019
Presentación catálogo Maside

O Museo de Pontevedra ten desde hoxe a disposición do público o catálogo da mostra "Carlos Maside en Combarro, 1952. Bosquexos, debuxos e acuarelas", unha obra documental que pode considerarse como "total", xa que recolle non só as pezas expostas ata o 16 de xuño en Pontevedra, senón toda a obra realizada polo pintor durante a súa estadía na vila mariñeira compilada por xunto e por primeira vez: 313 creacións das que 103 son pinturas e 210 debuxos.

O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, cualificou o catálogo como unha "reliquia" destacando que non se trata dunha peza ao uso, xa que amplía significativamente as obras que están na sala expositiva. "Tamén é unha reliquia polos textos que acompañan os debuxos e as pinturas e nos que se recolle o Combarro desa época", dixo, destacando o traballo dos investigadores Rafael Vallejo, María Esther Rodríguez e Andrés Dacosta. O nacionalista parabenizou ao persoal do Museo polo esforzo realizado para ter o catálogo dispoñible ao mesmo tempo que a exposición e aproveitou para destacar o orgullo da veciñanza de Combarro pola súa vila –por conservar case intactos algúns dos lugares dos que Maside realizou bosquexos no ano 52–.

Pola súa banda, o director do Museo, José Manuel Rey, fixo fincapé en que o catálogo de Maside é un reto importante para o Museo en termos de investigación, de cooperación, de difusión e de permanencia no tempo. Amosou, así mesmo, o seu agradecementos polo extraordinario traballo realizado para acadar unha peza documental "que é a primeira oportunidade de ter un volume de obra sintetizada e que con total seguridade se converterá no futuro nun referente inescusable para o estudo da obra de Carlos Maside".

Coincidiu nestas afirmacións o comisario e autor do catálogo Rafael Vallejo, quen agradeceu a implicación da Deputación e do deputado Xosé Leal no proxecto. Vallejo definiu o catálogo como un "produto cultural" e unha "obra prima" que non só cataloga as pezas de Maside, senón que inclúe estudos que permiten comprender ao artista e a súa traxectoria vital e artística.

O investigador salientou a importancia da creación no ano 1952 en Combarro incluso para o propio Maside, quen a consideraba de maior valor que outros debuxos publicados en prensa durante esa mesma época.  "Maside representou ás xentes de Combarro, ás xentes coas que se identificaba", dixo Vallejo, lembrando as palabras recollidas nas cartas que intercambiaba o autor con Seoane nas que afirmaba "debemos pintar o que amamos".

María Esther Rodríguez, comisaria da exposición e coautora do catálogo, quixo destacar tamén "a paixón, emoción e mestría" coa que se fixo a investigación sobre Maside e destacou que resulta "impensable" que o artista no ano 1952 fixera unha obra "tan definitiva e abraiante" como a que executou en Combarro. "En 1952 era un represaliado político, era un home enfermo que padecía unha enfermidade crónica –a diabetes–, era un home vulnerable, pero non era un home débil porque tiña uns principios inquebrantables. Carlos Maside estaría feliz aquí con nós revisando este catálogo, porque de toda a súa obra é o máis íntimo, o que nunca chegou a expoñer", explicou –salvo polos retratos da rapaza e da peixeira–.