O Museo conmemora as Letras Galegas con obradoiros escolares e unha visita guiada e o Día das Vítimas do Exilio cun concerto

Este sábado ás 12 horas unha visita guiada permitirá coñecer a relación de Francisco Fernández del Riego coas persoas artistas presentes no Museo

02/05/2023

O Museo de Pontevedra organiza nos próximos días actividades relacionadas con dúas datas sinaladas no calendario: as Letras Galegas e o  Día de lembranza e homenaxe ás vítimas do exilio. As actividades arrancan esta semana, con dous obradoiros para alumnado de centros escolares e unha visita guiada aberta ao público, nos que se lembrará a Francisco Fernández del Riego, escritor homenaxeado este ano no Día das Letras. E o martes 9 recordarase a figura do compositor republicano exiliado Salvador Bacarisse cunha conversa co seu fillo e un concerto a cargo do trío de arpa de Alba Barreiro.

As actividades polas Letras Galegas no Museo –que se suman ás que presentará o vindeiro venres o departamento de Lingua da Deputación- adiántanse a esta semana. Polo Correo do Vento coordina dúas propostas nas que buscan dar a coñecer a todos os públicos a figura de Paco del Riego, intelectual galeguista cunha intensa relación coa arte galega e as e os artistas do país do pasado século. Mañá mércores día 3 e o venres 5 de maio pola mañá celebraranse obradoiros no Edificio Castelao dirixidos a alumnado de varios centros escolares.

O sábado 6 de maio ás 12:00 h realizarase unha visita guiada ás salas da exposición permanente no Edificio Castelao, centrada na arte galega do século XX e en especial nos e nas artistas cos que Del Riego tivo moita relación ao longo da súa vida: Castelao, Laxeiro, Julia Minguillón, Urbano Lugrís... A visita guiada está dirixida a público adulto. A inscrición á vista pode facerse escribindo a polocorreodovento@hotmail.com.

Contrapuntos polo Día das vítimas do exilio

Este ano o Museo de Pontevedra conmemorará o Día de lembranza e homenaxe ás vítimas do exilio con ‘Contrapuntos’, un programa que perdurará no tempo. Nesta edición aproximarémonos á música de Salvador Bacarisse, compositor exiliado en París en 1939. Terá lugar o próximo martes 9 de maio ás 19:00 h no Edificio Castelao, cun concerto a cargo da arpista viguesa Alba Barreiro e unha conversa con Salvador Bacarisse Cuadrado, fillo do compositor.

‘Contrapuntos’ é unha acción de sensibilización e divulgación de memoria democrática. Toma como fío condutor a música como patrimonio e expresión artística, e presenta os relatos vivos das familias e descendentes que viviron a represión e o exilio da Guerra Civil.

A arpista Alba Barreiro (Vigo, 1988) ofrecerá un concerto no que presenta repertorio inédito para trío con arpa de Salvador Bacarisse (Madrid, 1898 – París, 1963), compositor integrante do Grupo dos Oito e Premio Nacional de Música en diversas ocasións. Xunto á violonchelista Margarida Mariño (Vigo, 1990) e o frautista Pablo Díaz Mera (Ferrol, 1991) interpretará a Sonata en trío op.13 de Salvador Bacarisse e Tres pezas de Xesús Bal y Gay (Lugo, 1905 – Madrid, 1993).

A actividade está comisariada por Samuel Diz, músico e investigador do legado cultural do exilio republicano. Completarase cunha conversa co fillo do compositor, Salvador Bacarisse Cuadrado (Madrid, 1923), quen lembrará como chegou co seu pai a París portando unicamente uns billetes inservibles da República e os manuscritos musicais. Na actualidade estes documentos consérvanse na Fundación Juan March e foron obxecto de estudo nas investigacións de Alba Barreiro.

Nada en Vigo en 1988, Alba Barreiro iniciouse na arpa celta con Rodrigo Romaní e na arpa de pedais con Céline Landelle. Máis adiante formaríase en Musikene con Frédérique Cambreling, Christine Icart e Elisabeth Colard. O seu perfil polivalente levouna a colaborar como arpa principal e tamén como solista en agrupacións clásicas como a Real Filharmonía de Galicia, a Orquestra Vigo 430 ou a Orquestra Gaos e tamén compartindo escenario con artistas doutros estilos musicais como Carlos Núñez ou Abraham Cupeiro.

O seu interese pola investigación e a divulgación da nosa música conduciuna a publicar en 2020 o seu primeiro traballo discográfico, Eixos cromáticos, consistente en transcricións propias de obras de Andrés Gaos e Xesús Bal y Gay. Este traballo inclúe obras para arpa soa e obras de música de cámara para trío. Tamén estudou a figura de Nicanor Zabaleta, importante arpista donostiarra do século XX, afondando no repertorio para o trío coa mesma formación que liderou o arpista nos anos 30. Resultado desa investigación presentamos a Sonata en trío op. 13ª, de Salvador Bacarisse.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.