Noticias

O Museo de Pontevedra acollerá nove actividades dentro de Cantos na Maré: de música a cine pasando por unha performance de Antón Reixa

O director do Museo destacou que a programación está deseñada tanto para público familiar como adulto e é totalmente de balde


10 setembro 2019
Museo Maré

O Museo de Pontevedra será un dos principais escenarios do 15 aniversario do Cantos na Maré que terá lugar esta fin de semana na cidade do Lérez. O director do Museo, Xosé Manuel Rey, destacou que haberá ata nove eventos diferentes pensados para atender as demandas dun público heteroxéneo, tanto familiar como adulto: do venres 13 ao domingo 15 haberá música para crianzas con Magín Blanco; narración oral con música da man de Vero Rilo e Faia Díaz; unha ruta pola colección do Museo máis un concerto posterior no piano con Brais González; unha performance de Antón Reixa; unha ruta pola cidade da man de Xurxo Souto; un obradoiro de música antiga para nenas e nenos; poesía da man de Aritmar; e dous filmes na sección ‘CineMaré'.

As actividades foron presentadas na mañá de hoxe polo propio Xosé Manuel Rey, acompañado do director de Cantos na Maré, Fran Rivera; a concelleira de Cultura Carme Fouces; o director de AGADIC Jacobo Sutil; e un dos protagonistas das actividades, o músico Antón Reixa.

Segundo afirmou Rey, o Museo continúa e amplía a senda de cooperación co festival, "que entra en fase de reorientación para atravesar máis mares e espallarse a máis mundos", xa que ao seu entender non hai sitio mellor que a institución museística da Deputación e as súas coleccións "para ilustrar a transcendencia que o mar ten na configuración da nosa identidade, pois permite entender porque razón para todos os que vivimos asomados ao mar este non é límite ou fronteira, senón espazo para a transferencia de cultura material, ideas, linguas, músicas ou tradicións".

O director do Museo destacou que varias das actividades –todas de balde– están especialmente concibidas para público familiar: o espectáculo músico teatral con Magín Blanco, a narración oral e música con Vero Rilo e Faia Díaz, e o obradoiro de música na Prehistoria. O resto de eventos diríxense ao público adulto: cine, visita guiada centrada na música que remata cun concerto de piano de Brais González, a ruta de Xurxo Souto pola cidade saíndo das Ruínas e chegada ao Sexto, a performance de Antón Reixa e o recital poético.

Pola súa banda, Fran Rivera, director de Cantos na Maré destacou a importancia de que por segundo ano consecutivo o Museo estea involucrado nunha programación do festival que "medrou e invadiu a cidade", o exercicio pasado timidamente polo Museo a este ano, con moitos máis eventos. Tamén o director de AGADIC, Jacobo Sutil, felicitou á organización por afondar na colaboración co Museo, do que dixo "é unha grande referencia en Galicia", e destacou que esta é a edición "máis rica" do festival. Desde o ámbito institucional a concelleira de Cultura Carme Fouces salientou o soporte que as administracións como o Concello de Pontevedra fan do festival, sublimando que pasar a súa celebración ao mes de setembro encaixa mellor dentro da frenética actividade da cidade de Pontevedra.

Finalmente, Antón Reixa, puxo en valor "o bo paradigma de colaboración entre institucións en prol da creación artística" que se dá con Cantos na Maré e explicou a súa performance do domingo día 15, baseada na poesía e o vídeo. Reixa resaltou o seu agradecemento por poder desenvolver a actividade en Pontevedra, que ten "un protagonista atolondrado" que se desenvolve nun mundo caótico. Como anécdota sinalou que a peza comeza cunha pregunta que un borracho lle fixo hai 40 anos á saída dun after na cidade do Lérez: "Se lle sacan unha foto a un cadáver e sae movida, quen ten a culpa? O cadáver ou o fotógrafo?".