O Museo de Pontevedra entrega a Polonia os dous cadros roubados polos nazis, que xa están camiño de Poznan

A representante do Goberno polaco e o vicepresidente provincial César Mosquera asinaron hoxe formalmente a acta da restitución

25/01/2023

Devolución de cuadros a Polonia

Os cadros da dolorosa e o ecce homo identificados como provenientes do espolio nazi e localizados no Museo de Pontevedra –institución dependente da Deputación- están xa camiño a Polonia. O organismo provincial, a través do seu vicepresidente César Mosquera, asinou a acta oficial e fixo entrega na mañá de hoxe de ambas pezas ás representantes do Goberno polaco, culminando así a restitución gratuíta nun proceso cualificado como “áxil”, “modélico” e “exemplar” para todo o mundo. 

No acto estiveron presentes a presidenta Carmela Silva, o vicepresidente e responsable do Museo César Mosquera, o director do Museo Xosé Manuel Rey, a directora do Departamento de Bens Culturais do Ministerio de Cultura e Patrimonio Nacional da República de Polonia, Elzbieta Rogowska, así como o letrado polaco Miquel Bordas Prószynski, xunto a persoal técnico de ambas institucións. Deu fe da entrega o secretario provincial Carlos Cuadrado.

Os cadros, situados nunha instalación efémera e específica para que puideran ser contemplados pola cidadanía no Museo de Pontevedra nos últimos meses, foron descolgados por persoal especialista que os levará seguindo os protocolos ata Polonia, en virtude do permiso de exportación concedido pola Dirección de Patrimonio Cultural do Ministerio de Cultura español. Alí serán recibidos en depósito no Museo Nacional de Poznan e trasladados ao castelo de Goluchow - de onde foran sustraídos- unha vez remate a súa rehabilitación a principios do vindeiro mes de marzo.

O responsable da entrega, o vicepresidente César Mosquera, subliñou que tan pronto se recibiu a notificación do Ministerio de Cultura Polaco de ter localizados os cadros e identificados como provenientes do espolio nazi a decisión da devolución foi “inmediata e unánime”, buscando facela efectiva da maneira máis áxil posible e gratuitamente.

“Sabíamos que estes procesos acostuman ter problemas pola resistencia dos propietarios das obras espoliadas. Nós nada diso, entregamos encantados o antes posible”, subliñou. Asegurou que despois de ter asinado na súa vida milleiros de expedientes e actas “esta para min é posiblemente a máis satisfactoria porque é axudar a restituír unha inxustiza, axudar a restituír arte espoliado, axudar no que podemos a facer un mundo mellor”.

Pola parte polaca, a directora Elzbieta Rogowska, insistiu no agradecemento “de corazón” ao Museo e á Deputación de Pontevedra pola rapidez e facilidades dadas para a restitución. Subliñou que o valor das obras non é só o pictórico pola súa beleza, senón o simbólico, pola súa condición de obras espoliadas e agora restituídas.

Salientou que a destrución e roubo patrimonio nacional de arte en Polonia foi enorme, xa que o país perdeu o 70% de todo o seu patrimonio nacional, non só cos roubos de igrexas e museos, senón tamén coleccións privadas, perdendo ata 516.000 obras de diferentes lugares do territorio polaco. Algunhas, relatou, foron devoltas xusto despois da II Guerra Mundial, mais moitas fican desaparecidas. 

Dende os anos 90 Polonia está a intentar recuperar esas obras perdidas, por iso o goberno ten un departamento específico para a restitución, que primeiramente se dedica á catalogación e despois á busca e devolución, labor que facilitan internet e as novas tecnoloxías. Nestes momentos hai abertos 23o expedientes no proceso de recuperación en todos os continentes do mundo.

“A ubicación da obra espoliada é a primeira etapa dun proceso moi longo e moi tedioso que moitas veces dura anos. Por iso estamos moi agradecidos de que este proceso –en Pontevedra-foi diferente. A recuperación deste díptico non foi longo nin tedioso, senón todo o contrario. Queremos agradecer á parte española por axilizar todo este proceso. Pode ser un procedemento modelo para outros procedementos deste tipo noutras partes do mundo”, subliñou Rogowska.

Exemplo de boas prácticas

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, mostrou o seu orgullo. “Estamos dando un exemplo de boas prácticas ao mundo enteiro. Hoxe vivimos algo único que converte ao Museo nunha gran referencia mundial porque tan pronto o goberno de Polonia se puxo en contacto para formular que cría que esta institución tiña dous cadros espoliados, de forma inmediata se puxo en marcha o procedemento para devolvérllelos ao seu lexítimo propietario”. Carmela Silva lembrou que “isto non é nada habitual en ningunha parte” polo que  aplaudiu o director do Museo de Pontevedra e a vicepresidencia provincial “pola súa sensibilidade”.

A presidenta provincial asegurou que “tras ter chegado a este acordo co goberno de Polonia, será moi difícil que a partir de agora outros museos non sigan este mesmo camiño de volver os bens espoliados produto de conflitos, usando a vía do dereito para restituír aos pobos aquilo que lles foi arrincado por totalitarismos que tanto dano lles fixeron”. Así mesmo, tamén amosou a súa emoción por ser testemuña de como a directora de Departamento de Bens Culturais do Ministerio de Cultura e Patrimonio Nacional da República de Polonia, Elzbieta Rogowska, puido ver por primeira vez en persoa, “coa verdade da súa calidade e a súa cor”, estas dúas pezas que formaban parte do contido da súa tese doutoral e que ata o momento só vira en fotografías en branco e negro.

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores, gabouse pola devolución dos cadros. Destacou que o Concello de Pontevedra é pioneiro en moitas cousas, sobre todo na memoria histórica, e lembrou que é moi positivo ser pioneiros tamén na restitución dunha inxustiza histórica que sufriu a nación polaca. “Este –do díptico-foi un proceso pioneiro que pode servir de folla de ruta para outras restitucións tanto en Europa como no resto do Mundo”.

O director do Museo de Pontevedra, pola súa parte, lembrou que para o Museo de Pontevedra, dende a localización dos cadros, houbo dúas prioridades con igual importancia: evidenciar a honorabilidade da institución, que se fixera coas pezas de maneira legal, e traballar pola restitución. “Veremos con pena a saída das obras, pero coa gratifación de que se poderán ver noutro museo, aínda que sexa a milleiros de quilómetros”, salientou.

 A historia

O díptico da dolorosa e o ecce homo localizados no Museo de Pontevedra son parte das 700 pezas espoliadas da Colección Czartoryski en Gołuchów polos alemáns durante a Segunda Guerra Mundial. Ata o de agora o goberno polaco só puido recuperar outra peza desta mesma colección, un crucifixo de esmalte de Limoges que foi atopado no lixo e entregado ao goberno por unha persoa anónima.

As pinturas localizadas en Pontevedra supostamente saíron de Varsovia en 1944 e reapareceron no comercio de arte de Madrid en 1973, descoñecendo cal foi a súa historia durante ese lapso de tempo. Ingresaron no Museo de Pontevedra como depósito do coleccionista José Fernández López e, desde 1994, son propiedade da institución provincial trala compra da súa colección (313 pinturas de autores e cronoloxías diversas). O máis probable é que foran adquiridas por Fernández López nalgún dos establecementos da familia Maragall, a Sala Parés de Barcelona ou a Galería El Cisne de Madrid, das que era cliente habitual.

O díptico estivo atribuído inicialmente ao pintor holandés Dieric Bouts (Ca. 1420- 1475), principal representante da Escola de Lovaina, mais finalmente aclarouse que foi pintado por alguén da súa escola ou grupo.

Galerias de imaxes

videos