Noticias

O Museo de Pontevedra dispoñerá das catro propostas para a súa identidade visual no prazo dun mes

A dirección acordou coas catro candidaturas continuar o proceso de selección realizando todas as interaccións de maneira telemática


24 marzo 2020
Logo Museo

No prazo dun mes, as catro candidaturas seleccionadas para deseñar a identidade corporativa do Museo de Pontevedra (Uqui Permui, Tamara Baz, Costa Comunicación Visual S. L. e Cenlitrosmetrocadrado Cooperativa Galega) deberán achegar as súas propostas. Así o acordou a dirección do Museo de forma conxunta coas persoas e entidades afectadas, que consideraron a idoneidade de continuar o proceso de selección durante o estado de alarma establecido pola COVID-19, sempre realizando todas as interaccións necesarias entre as partes de maneira telemática.

A selección das catro propostas que mellor se adaptaban ao contrato proposto pola Deputación realizouse nunha reunión do Consello Asesor do Museo o pasado 13 de marzo.  Estas foron escollidas entre as 37 presentadas en tempo e forma con base nos criterios establecidos: experiencia na  presentación de campañas de imaxes institucionais ou corporativas, capacidade de transmitir o significado e o contido das marcas, institucións ou corporacións, valor artístico e simbólico dos traballos, capacidade de adaptación e versatilidade para a aplicación dos distintos soportes, convivencia e lexibilidade.

A segunda fase do proceso consiste na presentación dunha proposta para a nova imaxe corporativa do Museo e comezou a contar oficialmente trala comunicación ás persoas e entidades aspirantes, que dispoñen dun mes de prazo. Os traballos deberán incluír a presentación do imagotipo; acompañar a proposta dunha memoria xustificativa técnica e teórica da produción da imaxe, e xustificar a aplicación da imaxe nos soportes dixitais, papelería, publicacións e impresos, así como nos distintos soportes das exposicións.

Con respecto á  presentación, como consecuencia da declaración do estado de alarma para xestionar a situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, esta formalizarase a través da sede electrónica e calquera consulta será atendida por correo electrónico.

Unha vez se reciban todas as propostas, volverá ser o Consello Asesor o que decida cal é a máis axeitada para o Museo, e a empresa seleccionada terá que presentar o manual de identidade corporativa de maneira desenvolvida.

O importe do contrato de deseño final ascenderá a 12.000 euros (sen IVE). En concepto de compensación polos gastos, as tres propostas convidadas que non resulten adxudicatarias recibirán 1.000 euros.