Noticias

'O Museo en camiño' inicia a súa andanza en Redondela para dar a coñecer os seus fondos e difundir o 'espírito xacobeo' polo Camiño Portugués

O primeiro obradoiro da iniciativa destinada a rapazada de 6 a 12 anos terá lugar o 16 de abril no multiusos da Xunqueira


09 abril 2021
O Museo en Camiño

‘O Museo en camiño', unha iniciativa do Museo de Pontevedra e do programa ‘O teu xacobeo´ da Xunta de Galicia , comezará o vindeiro venres 16 de abril a súa andanza en Redondela para dar a coñecer os fondos da institución museística pontevedresa e difundir o ‘espírito xacobeo' polas vilas do Camiño Portugués.

A actividade desenvolverase no multiusos da Xunqueira de 17 a 19 horas e terá como finalidade que nenos e nenas de 6 a 12 anos coñezan un pouco máis sobre o patrimonio artístico e cultural do Camiño de Santiago.

Este obradoiro de carácter plástico e creativo terá as prazas limitadas para poder cumprir con todas as medidas sanitarias actuais, polo que as persoas interesadas en que participen as súas crianzas deben formalizar a inscrición previa -de balde- no correo electrónico contacto@tallerabierto.info ata completar a capacidade. Daráselle prioridade á cativada da localidade de destino, neste caso, de Redondela.

O Museo de Pontevedra convértese así nun ‘museo itinerante' que seguirá o Camiño Portugués durante os meses de abril, maio e xuño e parará en dez poboacións da ruta como son tamén Tui, Ribadelouro, Cesantes, Arcade, Barro, Caldas de Reis, Valga, Pontecesures e Padrón.

Os fondos da institución chegarán á cativada da man dunha ‘maleta viaxeira' con réplicas en miniatura de pezas consideradas esenciais para o Museo de Pontevedra: o Tesouro de Caldas, a Laxe das Picadas, o busto bifronte de Xano, o miliario romano de Salcedo, o retablo de San Acacio, un Santiago Pelegrín do século XVII, a obra Santa María desde A Caeira' de Sobrino Buhígas, unha autocaricatura de Castelao, a obra O Mercado de Carlos Maside, A Terra de Manuel Torres, Santa Trega de Lugrís, e Mulleres parolando de Luis Seoane. Todas elas foron escollidas por seren unha mostra representativa do que é o gran colector cultural que é o Museo e serán a base sobre a que desenvolver unidades didácticas para traballar contidos relacionados coa historia, a arte e o patrimonio.

Os colectivos creadores do programa e que traballarán coa rapazada serán Taller abierto e Paspallás. A iniciativa inclúe tamén unha exposición no Museo de Pontevedra para o mes de setembro coa que se pechará o percorrido "coa intención de trasladar todo o vivido ao público"