“O Museo fai máis divertida a zona vella”

A celebración hoxe do Día dos Museos do ICOM en Pontevedra fai protagonista o Museo pola súa relación coa veciñanza na cidade

18/05/2022

Día dos museos

“O Museo fai máis divertida a zona vella”. Esa é unha das afirmacións de Nuno Picón, un rapaz veciño dos edificios da institución protagonista do Día dos Museos en Pontevedra, unha cita que se celebra hoxe auspiciada polo ICOM de maneira internacional e que ten como lema ‘O Poder dos Museos’.

As palabras de Nuno están incluídas nun vídeo conmemorativo que se está a emitir en bucle nunha pantalla de grandes dimensións na Praza do Edificio Castelao e tamén está dispoñible en redes sociais.  Trátase dunha das iniciativas postas en marcha polo Museo de Pontevedra para celebrar o seu día, e que pretende amosar como o Museo provoca cambios positivos na súa contorna por ser lugar incomparable de descubrimento, que ensina sobre o pasado e abre as mentes a novas ideas.

Na peza audiovisual tamén participan Antón Castro, artista e profesor da Facultade de Belas Artes cando estaba na rúa Pai Amoedo - que fala da súa importante relación coa institución-, ou empresarias de negocios próximos como May-T Ferreiro, propietaria da cafetería Espacio 6, ou Juan Carlos Martínez, de Electrónica Martínez, que relatan como a institución é unha grande dinamizadora da contorna.

Tamén en formato vídeo participan da efeméride desexando un bo futuro ao Museo de Pontevedra Miguel Ángel Cajigal ‘El barroquista’, divulgador e historiador de arte; Lola Dopico, directora de Esdemga; Víctor Freixanes, presidente da RAG; Polo Correo do Vento; a actriz Iria Pinheiro; Migallas Teatro; o músico Davide Salvado; Alumnado de 1ºB de Educación Primaria do CEIP A Xunqueira 1; o cociñeiro Pepe Solla; a catedrática María Luísa Sobrino; o xornalista e escritor Manuel Jabois; o debuxante Kiko da Silva; o xornalista Xavier Frotes; o museólogo Filipe Seném; ou a arqueóloga Beatriz Comendador, entre moitas outras persoas.

No ámbito presencial a xornada de hoxe foi excepcional pola singularidade das visitas organizadas aos fondos do Museo que están na propia cidade. Tanto de mañá como de tarde realizáronse visitas comentadas á fonde dos xardíns de Casto Sampedro, onde se explicou á veciñanza por parte de persoal do equipo de Educación que hai moitas pezas propiedade do Museo que están diseminadas por zonas urbanas e rurais que no seu día foran recuperadas pola Sociedade Arqueolóxica.

A peza da fonte, do século XVI e orixinalmente feita por canteiros portugueses segundo as principais hipóteses, foi reconstruída nos anos 30 seguindo os modelos similares doutras construcións de Viana do Castelo e Caminha. Unha década antes o propio Castelao fixera algúns debuxos sobre como podería ter sido a orixinal, cos seus chafarís e outros elementos destrozados, que enviaría a Sánchez Cantón como unha achega persoal.

Na visita, o persoal do Museo explicou tamén que existen outros elementos do Museo na cidade do Lérez, como os cruceiros da Praza da Leña, o de Santa María ou o das Ruínas de San Domingos, situado nos xardíns externos. Tamén hai outros elementos do Museo noutros municipios, como en Redondela o miliario atopado nos xacementos abertos recentemente, que quedou na localidade.

Estudo Bonobo    
No ámbito da música a celebración do Día dos Museos completarase pasado mañá, venres 20, actuación de alumando do Estudo Bonobo en diferentes localizacións do Museo: o vestíbulo do Edificio Castelao, a praza dianteira e o claustro do Edificio Sarmiento. O primeiro concerto leva por título ‘Ritmo na lúa e Noise in the Jungle’ a cargo de pequenas agrupacións de nenas e nenos de entre 4 e 6 anos de idade tocando sintetizadores, samplers, instrumentos de percusión e caixas de ritmos.

O seguinte concerto será ás 19.30 na praza de entrada do Edificio Castelao, coa banda do proxecto Rocklab e a actuación de Rebel Spirits, a banda feminina de rock que naceu na escola Estudo Bonobo, que publicou o seu primeiro traballo a través da iniciativa X Sónica, e o estudo. Finalmente, xa ás 21.30 horas, no Claustro do Edificio Sarmiento, será o momento para o concerto de Thom Archi, unha das promesas e talentos máis novos da provincia de Pontevedra.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.