Noticias

O Museo de Pontevedra fíxase no edificio do Centre de Restauració de Béns Mobles de Cataluña como exemplo de xestión profesionalizada

A delegación pontevedresa coñeceu hoxe en Barcelona os 4.000 metros cadrados das instalacións abertas pola Generalitat en 2003


03 decembro 2019
Museo de Cataluña

O Centre de Restauració de Béns Mobles de Catalunya foi hoxe a primeira parada da delegación do Museo de Pontevedra que se trasladou a Barcelona co fin de recoller ideas construtivas e de funcionamento para o novo edificio de Arqueoloxía de Valedecorvos.

Segundo explicou o director do Museo Xosé Manuel Rey despois da visita, o edificio catalán está formado por unhas instalacións de 4.000 metros cadrados divididos en diferentes áreas (entrada e intervención de bens, laboratorio, zonas de equipamentos e zonas de divulgación, ademais dunha zona verde para o goce das e dos visitantes) e ten todas as características necesarias para un bo funcionamento. De feito, a pesar de que a Generalitat o abriu hai bastantes anos (2003), supón, segundo as súas palabras, "un exemplo de xestión profesionalizada para as coleccións".

Rey explicou que o centro é un referente no que se pode comprobar como debe traballar o coñecemento experto en varias disciplinas (non só en arqueoloxía, senón fundamentalmente en pintura mural ou mobiliario), e que a súa función principal é a conservación e restauración. "Os seus espazos están deseñados especificamente para o seu obxectivo e, aínda que é un centro máis heteroxéneo que o Museo de Pontevedra, pode servir perfectamente de guía", dixo.

O director do Museo recalcou que a viaxe a Barcelona pretende ilustrar o equipo que vai traballar no proxecto construtivo e de xestión do novo edificio de Valdecorvos. Na cidade condal están, de feito, o propio responsable do Museo; Jesús Aser Fole de Navia Osorio, arquitecto da Deputación de Pontevedra, que elaborará o proxecto arquitectónico; Rafael María Rodríguez Martínez, arqueólogo da Deputación, que se encargará da definición de áreas funcionais, a medición e caracterización da colección, as circulacións e os protocolos de traballo; e Óscar Taboada Romero, restaurador do Museo, que fixará a súa atención na conservación preventiva, nos protocolos de conservación e restauración da colección e no equipamento e os medios auxiliares necesarios para o funcionamento.

Para Rey, salvar o colapso da capacidade de almacenaxe, garantir a preservación das coleccións, facilitar a eficiencia na  xestión e proporcionar servizos de calidade que redunden nun mellor coñecemento dos seus fondos deben ser os obxectivos do novo edificio pontevedrés.

Na xornada de mañá a visita da delegación pontevedresa seguirá polo Arxiu Arqueològic  do Museu d'Història de Barcelona (MUHBA) e polo Museu del Disseny.