Noticias

O Museo lanza a iniciativa "O Museo en familia" para animar as nenas e nenos a realizar actividades formativas e de lecer na casa

Na páxina web museo.depo.gal pódense descargar obradoiros relacionados coa exposición de Leopoldo Nóvoa e a faceta teatral de Castelao


27 marzo 2020

O Museo de Pontevedra lanza a iniciativa "O Museo en Familia" para animar as nenas e nenos a realizar actividades formativas e de lecer na casa. No día de hoxe colgáronse na páxina web museo.depo.gal os primeiros contidos explicativos para realizar obradoiros relacionados con Castelao, así como tamén coa exposición vixente, pero pechada ao público, de Leopoldo Nóvoa.

Esta iniciativa xorde para manter a tarefa divulgativa do Museo durante a etapa de confinamento marcada polo estado de alarma pola Covid-19, facilitando alternativas educativas desde un punto de vista lúdico. Na súa elaboración participaron tanto o equipo educativo do Museo –responsable de todas as actividades propias vencelladas ao ámbito infantil e familiar– coma o departamento de Publicacións e o da páxina web. A intención é ir colgando novos contidos periodicamente, cos seus respectivos textos explicativos con instrucións e materiais en formato descargable.

A primeira das actividades ten como título "Fai o teu monicreque!" e consiste en elaborar un monicreque con materiais moi sinxelos para poder realizar logo unha pequena obra de teatro en familia. Esta proposta, que nace dunha parella nos obradoiros de Entroido realizados presencialmente nas instalacións do Museo, está inspirada na faceta como escenógrafo e autor de teatro de Castelao.

A segunda das propostas, "Pinta con Nóvoa", está centrada no pintor pontevedrés Leopoldo Nóvoa. O obxectivo é que as e os escolares se acheguen á súa obra a través de dúas das pezas que pintou en Bos Aires no ano 1952, conservadas na colección do propio Museo, e que teñen a singularidade de estaren pintadas sobre unha mesma tea, deixando unha oculta cando se expón a outra. Nos descargables amósanse eses dous debuxos delas, pero sen cor, para que as pequenas e pequenos as poidan colorear, recortar ou mesmo facer en colaxe. Por outra banda, outra actividade –"Orixinal ou copia? Busca as diferenzas!"– é comparar as imaxes dos cadros orixinais cunhas copias deles para atopar dez diferenzas en cada unha.

Estas actividades infantís van da man doutras iniciativas destinadas ao público adulto, coa difusión a través de redes sociais dos contidos do Museo. Hai que lembrar que no Facebook do Museo –que conta con máis de 12.000 seguidoras e seguidores e con contido aberto– publícanse diariamente varias entradas con información sobre as exposicións permanentes e temporais.

A súa singularidade é que a maneira de amosar as pezas e as obras faise a través de fotografías comentadas en 360º. Son imaxes que se poden virar, o que lle permite á persoa que as ve facerse unha idea de como é cada sala ou a localización das moitas pezas existentes no seu interior, que van acompañadas dunha breve explicación. Polas mañás esta proposta faise coa colección permanente e pola tarde publícanse entradas con vídeos, fotos de formato tradicional e imaxes en 360º, pero xa centrados nas exposicións temporais de "Leopoldo Nóvoa: 1919-2019" e "Debuxantas".