O Museo pecha a exposición ‘Origami, de papel a obra de arte’ alcanzando case as 12.000 persoas visitantes

As actividades paralelas tiveron tamén lista de agarda, sobre todo de público familiar

24/01/2022

O Museo de Pontevedra pechou onte unha mostra singular que se confirmou como o éxito de público que se agardaba, sobre todo de tipo familiar. ‘Origami, de papel a obra de arte’ foi visitada dende o 4 de novembro ata o 23 de xaneiro por  11.977 persoas, cifra máis alta de todas as mostras do ano 2021 e tamén das máis altas dos anos anteriores á pandemia.
O propio director do Museo Xosé Manuel Rey subliñaba na presentación que o éxito “está asegurado de antemán” e que non ía “deixar a ninguén indiferente”. Efectivamente, así foi: a colección chegada da Escola Museo de Origami de Zaragoza (EMOZ) tivo uns números sorprendentes. Só no mes de novembro foron 4.177 as e os visitantes, outras 4.325 en  decembro e 3.475 en xaneiro.
Tamén tiveron unha grande acollida os obradoiros de papiroflexia, que ante o aluvión de solicitudes tiveron que ser duplicados con respecto aos organizados de inicio, e que finalmente chegaron a 310 persoas. Outro ‘cheo completo’ houbo que colgalo nas visitas guiadas que se realizaron todos os xoves.
A exposición fixo un percorrido pola historia do pregado do papel a través da obra orixinal dalgúns das mellores persoas creadoras a nivel mundial. As pezas seleccionadas eran auténticas esculturas cheas de complexidade e expresividade,  que, tal e como dixo o director do Museo, provocaron o asombro das persoas que as contemplaron ao teren en conta que foron realizadas cun só papel, sen ningún tipo de cortes e unións e sen pegamentos.
Na sala puideron contemplarse 150 modelos feitos por 50 autoras e autores de 17 países diferentes que amosan distintas técnicas para crear dende obras moi sinxelas a verdadeiras obras de arte e enxeños de papel de carácter hiperrealista, escultórico ou xeométrico.

Castelao en Europa. A viaxe de 1921
O Museo tamén salienta a boa acollida –por un público totalmente diferente á mostra do origami- de ‘Castelao en Europa. A viaxe de 1921’ comisariada por Ángeles Tilve, organizada co fin de poñer en valor aínda máis a figura do artista e conmemorar o centenario da viaxe formativa que, pensionado pola Junta para la Ampliación de Estudios,  fixo Castelao de xaneiro a outubro de 1921 por Francia, Bélxica e Alemaña.
A exposición, que durou un mes menos que a anterior, dende o 2 de decembro ao 23 de xaneiro, sumou 4.400 persoas, repartidas entre as 2.385 de decembro e as 2015 do mes de xaneiro. Estivo tamén acompañada de actividades como obradoiros de tipografía, visitas ou un concerto sobre a música coetánea da viaxe, cun repertorio de pezas que estaban entre as favoritas de Castelao a cargo do ‘Dúo Loura’, aínda pendente de celebración por COVID dunha das persoas integrantes da formación.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.