Noticias

O Museo reabre ao público cunha afluencia "por riba das previsións"

Durante a mañá recibíronse 15 persoas, a maior parte en parellas, que cumpriron os protocolos obrigatorios para o acceso


02 xuño 2020
Reapertura do Museo

O Museo de Pontevedra reabriu hoxe as súas portas cunha afluencia de público "por riba das previsións". Así o manifestou a dirección do centro, que confirmou a asistencia de 15 persoas só durante a mañá e prevía un aumento durante a tarde. Todas as visitas, de orixe en Pontevedra –menos dúas que confirmaron ser de Santiago de Compostela–, cumpriron estritamente os protocolos de desinfección, acceso e de temperatura.

O Museo pechara o pasado 13 de marzo seguindo as recomendacións sanitarias. Hoxe, igual que entón, mantéñense abertas ademais da colección permanente dúas exposicións de grande relevancia, unha dedicada a Leopoldo Nóvoa e outra, a de ‘Debuxantas, pioneiras da ilustración', que se prolongarán ata o 30 de agosto, mais sen rutas guiadas nin posibilidade de actividades grupais relacionadas. Desde hoxe tamén se pode acceder á sala de investigación, preferentemente con cita previa, co fin de garantir as distancias de seguridade. Polo momento seguirán pechadas as Ruínas de San Domingos, xa que se está completando o seguimento dunha fenda localizada o pasado ano, a piques de rematar e de ter informe favorable para a reapertura –previsiblemente a primeiros de xullo–.

Segundo explicou o director do Museo, Xosé Manuel Rey, existían moitas dúbidas sobre a resposta do público ante a reapertura, porén, superáronse todas as expectativas. O 2 de xuño do pasado ano foran un total de 45 persoas as que accederan ás instalacións museísticas, e contándose só na mañá de hoxe foron 15 as que o visitaron. "Pensabamos que ao ser o primeiro día de volta á actividade e ao ser un día de semana a afluencia estaría máis parada. Prevese máis xente, como habitualmente acontece, pola tarde, polo que estamos moi por encima das previsións", destacou.

En canto ao cumprimento das medidas de seguridade o director destacou que todas as persoas asistentes seguiron o protocolo obrigado: desinfección trala entrada con `hidroxel' para as mans, control de público (aportando os seus datos persoais) e de acceso no arco de metais e control de temperatura. Así mesmo, mantívose vixilancia en todas as salas e en todas as plantas para garantir o mantemento das distancias de seguridade, certificando que as persoas visitantes seguían os itinerarios marcados con indicacións no chan. Hai que lembrar que o Museo terá restrinxido a súa capacidade por debaixo do 30 % nos vindeiros meses.