Noticias

O Museo retoma o seu programa de visitas comentadas

Hoxe comezan as visitas guiadas á mostra 'Saúde e Terra, irmá(n)s!', que terán lugar os mércores e venres ás 18 horas


21 set 2016

Esta tarde ás 18 horas terá lugar a primeira das visitas comentadas á exposición 'Saúde e Terra, irmá(n)s', mostra coa que se conmemora o centenario da fundación das Irmandades da Fala. Estas visitas guiadas terán lugar os mércores e venres -ás 18:00 ambos días- e para participar non se precisa inscrición previa. Hai que lembrar que esta mostra, organizada pola Real Academia Galega, polo Museo do Pobo Galego e pola Deputación da Coruña, poderá verse no claustro do Edificio Sarmiento ata o 2 de outubro.

A partires do sábado 1 de outubro e ata o 28 de maio do vindeiro ano volverá activarse, ademais, o programa habitual de visitas guiadas que pon en marcha o Museo. Baixo o nome xenérico de 'Vén coñecer o Museo' realízase 'A Ruta do Museo' e 'Achégate ao Sexto', ambas gratuítas.

'A Ruta do Museo' terá lugar todos os sábados ás 11:30, ten unha duración de 90 minutos, e precisa inscrición previa nos teléfono e enderezo electrónico habituais do gabinete didáctico -gabinetedidactico.museo@depo.es e o teléfono 986 804 100, extensión 42413-. O punto de encontro son as Ruínas de San Domingos e inclúe un percorrido polos seis edificios que compoñen o Museo para facilitar unha aproximacións ás súas coleccións.

Pola súa banda, 'Achégate ao Sexto' consiste nun percorrido comentado tanto pola arquitectura como polas coleccións que custodia o edificio máis recente do Museo. Terán lugar os domingos ás 11:30, tamén ten unha duración de 90 minutos, e non precisa inscrición. O punto de encontro é no propio Sexto Edificio.