Noticias

O ORAL aliviará aos concellos a carga da tramitación das multas de tráfico e facilitará as compensacións de débedas como vía para axilizar os períodos de pago

O organismo de recadación da Deputación organiza o seu terceiro foro de coordinación desde o comezo da pandemia para formar e asesorar aos 53municipios adheridos


23 febreiro 2021
Reunión entidades ORAL

O Órgano de Xestión e Recadación Local (ORAL) da Deputación de Pontevedra dá un novo paso para estreitar a colaboración cos 53 concellos que teñen delegados estes servizos. No terceiro foro telemático de coordinación desde o comezo da pandemia de COVID-19, que tivo lugar hoxe, o ORAL anunciou a súa disposición para comezar a tramitar integramente  as multas de tráfico, non só o cobro, e tamén anunciou a posta en marcha dunha nova ferramenta informática que permitirá a identificación rápida dos contratistas ou provedores que teñan débedas coa Administración municipal, contribuíndo así á axilización dos períodos medios de pago.

O encontro, no que participaron máis de 46 técnicas e técnicos de 27 concellos, volveu estar presidido polo deputado de Réxime Interior e Facenda, Carlos López Font, quen destacou a estreita colaboración da Deputación cos municipios desde o comezo da pandemia, incluíndo a redacción de ordenanzas-tipo para dar seguridade xurídica ás propostas sobre rebaixas nos tipos das taxas e bonificacións fiscais. "Van xa tres xuntanzas telemáticas cos concellos porque quixemos informalos de todas as novidades que puxemos en marcha e guialos nestes tempos tan complicados, nos que a recadación das taxas e tributos viuse sacudida polas circunstancias". Carlos Font explicou que o ORAL é un servizo que se transforma para prestar o mellor servizo posible aos municipios adheridos "porque o ORAL é a súa casa".

Durante a xuntanza de hoxe, o ORAL ofreceuse a aliviar aos concellos toda a carga burocrática da tramitación administrativa das multas de tráfico. Os concellos que así o desexen, sen ningún custo adicional, poderán limitar a súa participación á elaboración do boletín de denuncia por parte do axente da policía local e á sinatura do órgano competente para resolver, ou sexa, a alcaldesa o alcalde ou a persoa en quen delegue. Toda a tramitación administrativa, especialmente complexa polos breves prazos de prescrición, así como a xestión do cobro en vía ordinaria e executiva correrá por conta do ORAL.

A segunda novidade consiste na posta en marcha dunha nova aplicación informática que permitirá que os concellos coñezan, cunha simple consulta ao ORAL, se un contratista ou provedor ten débedas coas contas municipais. A axilización desta comprobación, que agora mesmo require de varios trámites, facilitará a redución dos períodos medios de pago dos concellos que utilicen esta ferramenta. No caso de que haxa débedas co concello procederase ao mecanismo de compensación de débedas previsto na lei. Se a débeda é con outro concello, reterase a cantidade correspondente.

Plataforma en liña para comprobar a recadación en tempo real

En terceiro lugar, o persoal técnico do ORAL dedicou parte da xornada a reforzar a formación das/os interventoras/es e responsables municipais, na utilización da plataforma en liña do organismo provincial de recadación. A plataforma permite coñecer en tempo real a marcha da recadación en todos os padróns das taxas e impostos municipais, así como a consulta de expedientes concretos. Unha ferramenta extraordinariamente versátil, pero que aínda non está a ser utilizada en toda a súa plenitude por parte dos concellos. A directora do ORAL, Inmaculada Viñas, explicou que "a transparencia é obxectivo básico e por iso prestamos especial atención á formación na utilización en liña da nosa plataforma de xestión".

Finalmente, deuse conta do reforzo no servizo de anticipos extraordinarios que puxo en marcha a Deputación. O ORAL "abre máis a man" a partir deste ano 2021 posibilitando que os concellos accedan a anticipos extraordinarios dos padróns aínda non aprobados no exercicio 2021 ou a anticipos sobre liquidacións do imposto de IBI resultado de regularizacións catastrais, antes mesmo de que a efectiva recadación se produza. As solicitudes de anticipo extraordinario por estes conceptos serán atendidas coa máxima prontitude como medida de apoio diante das actuais circunstancias.

Cos novos servizos ofertados hoxe, o ORAL completa o amplo abano de medidas adoptadas desde o comezo da pandemia, entre as que destaca a posta en marcha do Fondo Extraordinario de anticipos por valor de 21 millóns de euros creado o ano pasado, a creación da Oficina Virtual Tributaria (https://ovt.depo.gal), incluíndo un sistema de clave segura para todas as persoas contribuíntes, ou a potenciación da atención telefónica, ademais da mellora das súas sedes sobre o territorio en Pontevedra e Tui.

O Organismo de Recadación da Deputación dá servizo a case medio millón de persoas (496.219) dos 53 concellos delegantes desde os seus 23 centros de traballo repartidos polo territorio provincial.

Fotos