Noticias

O pazo de Vilavella de Redondela acollerá este xoves a presentación de "Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo" trala negativa do Goberno local a ceder o multiusos

"Non será nun espazo público pero farémolo, porque non queremos que a actitude sectaria do Partido Popular nos impida estender os principios da igualdade entre a veciñanza do concello"


05 febreiro 2019
Oito Olladas Redondela

A xira de presentación da publicación "Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo", editada por Galaxia e froito da iniciativa da Deputación de Pontevedra, chega este xoves, 7 de febreiro, ás 20.00 horas a Redondela. Tralo aprazamento do acto unha semana para evitar a súa coincidencia co pleno municipal e trala negativa do alcalde da vila, Javier Bas, a ceder un espazo no Multiusos de Redondela para acoller esta presentación, a Deputación de Pontevedra dará a coñecer a publicación no pazo de Vilavella.

O Goberno de Carmela Silva lamentou esta mañá que "as e os servidores públicos poñan trabas para difundir a igualdade entre a sociedade. É vergoñento que soamente tres días antes do acto, cando xa o tiñamos anunciado e difundido á opinión pública, cando ademais hai salas libres no Multiusos, o alcalde Javier Bas nos negue un espazo público para presentar esta obra. Agora non será nun espazo público pero farémolo. Este xoves ás 20.00 horas no pazo de Vilavella de Redondela presentaremos "Oito olladas", porque non queremos que a actitude sectaria do Partido Popular nos impida estender os principios da igualdade entre a veciñanza do concello".

"Oito olladas sobre a Folga Feminista do 8 de marzo" trátase dunha publicación coordinada por Inma López Silva que recompila as reflexións e vivencias de oito mulleres sobre a histórica xornada do pasado 8 M e sobre as súas propias experiencias de ser muller nunha sociedade machista. Máis polo miúdo, nesta obra colectiva recóllense as olladas de López Silva pero tamén da xuíza Paz Filgueira, da matrona Susana Iglesias, a xornalista Susana Pedreira, a profesora e fotógrafa Ana Fresco, a funcionaria Sarai González, a estudante Sandra Núñez e a libreira Mercedes Corbillón. Tres delas, Susana Pedreira, Ana Fresco e Sarai González, estarán este xoves a partir das 20.00 horas no pazo Vilavella xunto a Inma López Silva e á presidenta da Deputación Carmela Silva.

A obra "Oito olladas sobre a folga feminista" está colleitando un notable éxito e xa vai pola súa segunda edición. Para dala a coñecer entre a cidadanía, a institución provincial está realizando unha xira de presentación por toda a provincia que pasou xa por Vigo, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Baiona congregando unha elevada afluencia de público. Esta semana a xira chega a Redondela e continuará nas próximas por Salceda de Caselas, Ponteareas e Bueu.