Noticias

O Pazo provincial da Deputación tinguirase de azul turquesa con motivo do Día Nacional das Linguas de Signos

A Deputación de Pontevedra únese a XOGA para conmemorar o Día Nacional das Linguas de Signos Españolas, que ten lugar cada 14 de xuño desde 2014


13 xuño 2018
Día Nacional das Linguas De Signos

O Pazo provincial da Deputación de Pontevedra estará iluminado de azul turquesa desde a noite deste mércores 13 ata a mañá do venres 15 de xuño para conmemorar o Día Nacional das Linguas de Signos Españolas, que ten lugar cada 14 de xuño desde 2014 para recordar o día no que constituíuse a Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE), en 1936. Este día é unha ocasión para lembrar o papel fundamental que xogan para a transmisión de ideas, a relación persoal e social e o intercambio de coñecemento.

Deste xeito, o Goberno de Carmela Silva únese aos actos organizados por XOGA, asociación de iniciativa social sen ánimo de lucro cuxa misión é defender os dereitos fundamentais, e así lograr mellorar a calidade de vida e benestar das persoas con diversidade funcional auditiva de Galicia. De feito, este xoves, Día Nacional das Linguas de Signos, entregaranse no salón de plenos da Deputación os premios do concurso provincial "Xoga coas manciñas", un certame para as nenas e os nenos da provincia dos dous ciclos de educación infantil (ata os 6 anos) no que tiveron que gravar un vídeo en lingua de signos dun conto ou canción dunha autora ou autor galega/o.

Segundo datos da OMS, a xordeira afecta a máis do 5 % da poboación mundial, é dicir, a aproximadamente 360 millóns de persoas en todo o mundo, dos que 32 millóns son nenas e nenos. En España, a xordeira afecta ao redor dun millón de persoas (das que case o 72 % teñen máis de 65 anos). No que respecta á provincia de en Pontevedra máis de 16.000 persoas viven con algún tipo de problema sensorial, das que a metade, unhas 8.000 persoas, contan cun problema auditivo.