Noticias

O Plan Concellos 2020 incrementa a aposta polos municipios de menor poboación e consolida á Deputación de Pontevedra como líder estatal en transferencias

A presidenta Carmela Silva recalca o reparto obxectivo e transparente dos fondos desde a implantación do actual modelo no ano 2016, poñendo así fin ás prácticas anteriores de libre disposición "ao capricho do que gobernaba"


22 novembro 2019
Carmela Silva

O Plan Concellos 2020 chega con novidades, pero coa mesma "filosofía" de equidade, criterios obxectivos e apoio á autonomía local. A Xunta de Goberno da Deputación aprobou hoxe as bases dun operativo que vai significar a transferencia de 42,2 millóns de euros aos 59 municipios da provincia de menos de 50.000 habitantes (todos agás Vigo e Pontevedra), en base aos criterios de poboación, dispersión e extensión territorial.

A principal novidade deste ano é a aposta polos concellos máis pequenos, co que a Deputación cumpre co dobre papel de apoialos na súa xestión diaria e contribuír a fixar poboación no rural. Os concellos de ata 10.000 habitantes recibirán un 44,6 % dos fondos totais (un o,6 % máis); os de ata 20.000 habitantes, un 34,49 % (un 0,49 % máis) e, finalmente, os de ata 50.000 habitantes percibirán o 20,91 % (un 0,09 % menos). Ao tomar como referencia os concellos de ata 20.000 habitantes compróbase que en 2020 recibirán preto dun 80 % dos recursos do Plan Concellos.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou que o Plan Concellos é a base dos 54,4 millóns de euros que, en total, están destinados aos municipios nos Orzamentos xerais recentemente aprobados pola institución provincial, converténdoa novamente na que máis recursos dedica aos concellos de toda España. Segundo datos oficiais do Ministerio de Hacienda, a Deputación de Pontevedra transfire directamente o 30 % dos seus recursos totais aos municipios cando a media das deputacións do resto de España está no 16 %. Así quedou recoñecido, destacou, no recente acto de celebración dos 40 anos de concellos democráticos celebrado no Senado e ao que foron invitadas as deputacións de Pontevedra e Segovia, foro no que fíxose fincapé na necesidade de garantir o financiamento municipal. Silva recalcou a urxencia de que tódalas Administracións respecten o principio de autonomía local, recollido na Constitución. "Eu son moi constitucionalista", recalcou, "pero non se me enche a boca dicíndoo, senón que prefiro cumprir "a raxatabla" o principio constitucional".

Deste xeito, o Plan Concellos parte do respecto pola autonomía local (os concellos son os protagonistas á hora de decidir en que se gastan os cartos), equidade na relación institucional (a Deputación transfire os fondos e os concellos licitan e executan) e transparencia nos criterios de reparto (as bases establecen un reparto obxectivo). "Así que criterios claros e apartados do capricho de quen goberna", destacou a presidenta. Carmela Silva lembrou que o modelo do Plan Concellos naceu no ano 2016 no primeiro Orzamento aprobado polo actual Goberno provincial e puxo fin a prácticas moi diferentes. "Antes", denunciou, "había 20 millóns de euros de libre disposición, que o presidente dedicaba ao que lle parecía, e agora os cartos repártense con plans con bases transparentes".

A estrutura do Plan Concellos volve asentarse sobre tres liñas dedicadas a impulsar distintos ámbitos da xestión municipal. A liña 1, dedicada a Investimentos, continúa a ser a de maior peso relativo pois contará con 29,7 millóns de euros. A liña 2, que permite amortización de débeda, pagamentos e gasto corrente relacionado coa cultura, actividades deportivas, educativas... disporá de 3 millóns de euros. Finalmente, a liña 3 seguirá impulsando o Emprego. Está dotada con 9,5 millóns de euros, que permitirá aos concellos a contratación de persoas desempregadas e/ou en risco de exclusión social. Os salarios que perciban as persoas contratadas deberán adecuarse á cualificación profesional dos postos e sempre co límite mínimo do Salario Mínimo Interprofesional.

Audios

  • Audio