O Plan Reacpon fai posible que Salceda peche a transformación do antigo campo da feira da Devesa coas obras do centro social

Carmela Silva: “Este proxecto ten moito que ver coa aposta de Salceda por converterse nun pobo urbanisticamente fermoso e con modernos equipamentos e servizos”

04/03/2022

Reacpon Salceda de Caselas

“O Centro Social da Devesa será un edificio emblemático nunha contorna emblemática” afirmou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, durante a sinatura do convenio para a reforma deste inmoble con cargo ao Plan Reacciona Pontevedra (ReacPon). A actuación, que ten un orzamento de 673.674 euros, dos que a Deputación achega directamente o 80% (538.939 euros) mentres o Concello asume o 20% restante, vén completar a transformación que xa realizou anteriormente  a Deputación no antigo Campo da Feira. A alcaldesa, Verónica Tourón, amosouse feliz de poder sacar adiante unha obra que ela mesma deseñou, ao comezo do mandato municipal como concelleira de Urbanismo. “Un espazo clave porque non só falamos da entrada á Salceda, senón da entrada por estrada a todo o Baixo Miño”.

Con este investimento o Concello remata unha operación urbana que xa comezou da man doutro plan extraordinario da Deputación, o  plan DepoRemse, que achegou outros 468.963 euros  para crear unha gran praza con parque para as nenas e nenos, así como o embelecemento do antigo campo da feira e a habilitación dun aparcamento de superficie.

Un edificio de 1962, convertido nun edificio do século XXI

Carmela Silva significou que o do Centro Social é un proxecto “moi ambicioso”. “Ten moito que ver coa aposta de Salceda por converterse nun pobo urbanisticamente moi fermoso, con servizos modernos e equipamentos con alta demanda”. “A Devesa refórzase como un núcleo central do pobo recuperando un edificio de 1962 e transformándoo nun edificio sociocultural do século XXI”, aplaudindo así a decisión municipal de reforzar os espazos para a cultura e a cohesión social. A presidenta tamén felicitou ao Concello por ter avanzado no expediente ata o punto de que o próximo luns darán comezo as obras. “Que ben funciona o mundo local!”, afirmou. Finalmente remarcou a “enorme felicidade de poder asinar un convenio así cunha muller que dirixe unha Administración pública con valentía”.

Verónica Tourón destacou o dinamismo social de Salceda de Caselas, que conta con 44 asociacións sociais, culturais e deportivas e remarcou que unha delas, a Asociación de Persoas Xubiladas, que conta con case 600 socios/as, será unha das usuarias principais do novo Centro Social, que cualificou como “unha peza fundamental para Salceda”. A alcaldesa subliñou que unha obra desta envergadura sería “moi difícil de afrontar con fondos propios”, polo que agradeceu a iniciativa provincial de ter convocado o plan ReacPon. “Agora poderemos sacar adiante unha obra que é unha aposta pola calidade enerxética, a sostibilidade e a accesibilidade, e todo elo a partir das condicións dun edificio de 1962”. Por todo elo, aproveitou para reclamar ao resto das Administracións un mellor financiamento municipal e que, ademais, se teñan en conta as especificidades dos concellos que están a piques de chegar aos 10.000 habitantes, soportando gastos sen recibir ingresos ordinarios suficientes.

A actuación

A modernización do Centro Social de A Devesa comezará co baleirado integral do interior, deixando só os muros e a estrutura en pé. A partir de aí, a vella arquitectura dará paso a un interior accesible, máis saudable e concibido para o aforro enerxético. Crearase un vestíbulo principal no andar baixo para acceder con comodidade a un pequeno auditorio e unha zona de exposición exterior, ademais do almacén, sala de xuntas, cafetería, aseos.

Ademais, dotarase ao inmoble de ascensor para eliminar as barreiras arquitectónicas ata o primeiro andar, onde haberá outra sala de xuntas, salas para o uso das asociacións e aseos. Ademais, renovaranse tódalas instalacións térmicas e a envolvente térmica será cambiada actuando no forxado baixo cuberta, nos trasdosados interiores, carpinterías exteriores e tamén baixo o futuro solado. Sobre a cuberta, que tamén será completamente renovada, instalaranse paneis fotovoltaicos para reducir a dependencia enerxética. Por último filtrarase a radiación de gas radón cunha barreira de protección e unha soleira ventilada. A reforma conclúe coa mellora do acceso ao edificio e a instalación de expositores luminosos na fachada.

Galerias de imaxes

videos

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 23 resultados.