O Plan ReacPon permitirá á Guarda ter un “novo” Pavillón da Sangriña, máis funcional e amplo, para cubrir as necesidades deportivas da veciñanza

Cun orzamento de máis de 1,8 millóns de euros, a reforma da infraestrutura mellora a accesibilidade, a seguridade, a eficiencia enerxética e o aforo

22/08/2022

Pavillón da Sangriña  

O Pavillón da Sangriña, unha das dotacións deportivas máis importantes da provincia, está a ser obxecto dunha ambiciosa reforma e ampliación coa que a Deputación de Pontevedra remarca o seu compromiso co deporte. As obras contan cun orzamento de 1.870.667 euros, dos que a institución provincial aporta 609.672 euros a través do Plan ReacPon. O alcance da obra foi remarcado hoxe polo deputado provincial Carlos Font durante a visita que realizou acompañado do alcalde da Guarda, Antonio Lomba.

As obras, que estarán rematadas cara finais deste ano ou comezos do próximo, darán un xiro de 360 graos ao pavillón que medrará tanto ao longo -co engadido dunha nova bancada na parte posterior- como ao ancho -coa execución dunha zona de circulación na parte superior, que permitirá un acceso máis cómodo e controlado. E modernizarase coa reforma interior das súas instalacións nas que albergará seis vestiarios -un accesible, un para árbitros/as e outros catro xerais-, unha zona para espectadores/as en cadeira de rodas, unha área de prensa, un espazo de enfermería e de control antidopaxe e unha cantina. Ademais, as actuacións permitirán aumentar o aforo do pavillón nun 48%, o que suporá a posibilidade de reunir nel ata a 700 persoas sentadas.

Os fondos provinciais tamén servirán para acometer melloras no revestimento exterior do pavillón ao facer que A Sangriña conte cunha nova cuberta e fachada. Esta última contará con dúas alturas e permitirá a entrada controlada de luz e na zona principal deseñarase un volume de formigón que acollerá un novo acceso, a cantina e a zona de vestiarios e aseos accesibles. Con todo elo, modernízase unha instalación que data dos anos 80 e que, a pesar de que foi obxecto dalgunhas reformas, non cumpría cos requisitos dunha instalación que rexistra unha importante actividade social e deportiva.

O proxecto que financia a Deputación a través do plan ReacPon contempla tamén a rexeneración dos espazos urbanos da contorna, con beirarrúas con bandas de pedra e bordos sen diferencia de nivel. Deste xeito, porase en valor a contorna do pavillón, unha instalación referente para as e os deportistas deste concello xa que nel xogan e adestran os diferentes equipos do Atlético Guardés e tamén é empregado por alumnado do CEIP da Sangriña.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.