Noticias

O Pleno da Deputación reivindica a importancia da educación en igualdade para un futuro sen violencias machistas

A mestra Conchita Pérez deu lectura ao manifesto elaborado por Teresa Domínguez, que incidiu no sistema educativo como axente "para estimular a transformación" e o cambio de valores non igualitarios aínda imperantes


27 novembro 2020
Lectura manifesto igualdade

O pleno da Deputación de Pontevedra reivindicou hoxe a importancia da educación en igualdade para un futuro sen violencias machistas, no marco da celebración do 25N. Fíxoo ao través dun acto previo á sesión ordinaria da Corporación provincial, no que se deu lectura ao manifesto elaborado pola mestra Teresa Domínguez, directora do CRA de Tui que acaba de ser gañador este 2020 do Premio Escola do Ano da Fundación Princesa de Girona. O texto, que foi lido pola tamén docente Conchita Pérez, directora do CRA Plurilingüe de Vilaboa por enfermidade da autora, incidiu na importancia do ámbito educativo como estimulador para os cambios que poñan fin á lacra da violencia contra as mulleres.

Ademais, na sesión repartíronse as postais cunha reprodución da ilustración que a artista Nana deseñou no pavillón de Tui dentro do programa "Mulleres en acción. Violencia zero", e que pon imaxe a situación que viviron e viven as mulleres e nenas maltratadas durante o confinamento. Baixo o título "Queda na casa", a obra amosa a unha muller coas mans tapándose os ollos mentres ás súas costas arde a súa casa e, como destacou a presidenta, Carmela Silva, reflicte o "terror das mulleres, nenas e nenos confinados cos seus maltratadores". O proceso de elaboración do devandito mural foi proxectado así mesmo nun audiovisual no salón de plenos.

A presidenta provincial destacou que a educación "sen dúbida é un elemento fundamental para un futuro en igualdade, para que as nenas e os nenos teñan a capacidade para poder ter criterio propio e ter pensamento crítico que permita que poidamos loitar contra a inxustiza máis execrable que se da no mundo". Lembrou que no último ano 243 millóns de mulleres teñen sido vítimas de violencia sexual e física no mundo segundo a ONU, "datos máis que relevantes para que desde a educación, a igualdade e a loita contra as violencias machistas sexa un eixe transversal".

No día en que, ademais, se celebra o Día das Mestras e Mestres, Conchita Pérez deu lectura ao texto de Teresa Domínguez na que a docente urxiu "a construción e vivenciación de valores de respecto mutuo, tolerancia e igualdade posibilitando o empoderamento de mulleres e nenas" e reivindicou o "papel activo" e transformador que debe ter a educación "para promover relacións sociais igualitarias e a construción dunha cultura que poida mudar pensamentos, valores ou sinerxías coa participación activa de cada persoa que conforma esa comunidade educativa".

"Debemos –sinala– impulsar o cambio dos valores non igualitarios aínda imperantes como as actitudes, os roles e os estereotipos que sustentan a desigualdade de xénero e que mulleres e homes gocen de diferentes dereitos e oportunidades. Pero o certo é que a construción cultural que historicamente se foi conformando en torno ao xénero e que atribúe a homes e mulleres unha serie de características a partir das súas diferenzas biolóxicas, foron configurando unha orde social desigual e inxusta fixando un modelo ‘de ser muller' e ‘de ser home' validados socialmente e, polo tanto, establecendo un sistema desigual de relacións".

Domínguez, que se referiu ás vítimas da violencia machista como "heroínas dunha historia inacabada", reclamou unha loita "en comunidade e xuntas e xuntos cada día, sen descanso e non soamente cada 25 de novembro" en prol da igualdade. E insistiu en que o ámbito educativo é "privilexiado" para estimular as transformacións. "As nosas forzas –indicou– deben estar na liña de propoñer retos de presente e de futuro na educación e afondar sobre a importancia de que a educación para a igualdade debe ser un contido fundamental e transversal para o enriquecemento persoal e social de todos e cada un dos seres humanos". "Coeducar –engadiu– consiste en educar en igualdade desde a diferenza, tendo en conta a visibilización dos aspectos positivos e necesarios que se precisan para ser persoa, para sentir, amar, actuar e convivir". 

 

Vídeos