Noticias

O Pleno do Consorcio Provincial Contra Incendios valida o paso definitivo para a prestación cen por cen pública do servizo

Unanimidade na sesión á xestión directa, como a forma máis sostible e eficiente da prestación, que entrará en vigor o vindeiro 1 de xuño


08 abril 2021
Pleno Consorcio Provincial Contra Incendios

O Pleno do Consorcio provincial Contra Incendios, adscrito á Deputación de Pontevedra e participado ao 50 % pola Xunta de Galicia, deu hoxe o visto bo ao pase á xestión directa da prestación do Servizo coa aprobación definitiva da Memoria que regula os aspectos sociais, xurídicos, económicos, técnicos e financeiros do novo modelo que entrará en vigor o próximo 1 de xuño. Na sesión, dirixida por Carmela Silva como presidenta da Deputación, participaron o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, ademais dos representantes da institución provincial, Carlos Font e Santos Héctor, así como a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias, e o novo delegado en Pontevedra, Luis López, que tomou posesión como vogal no Consorcio.

O pleno aprobou por unanimidade a memoria co cambio do modelo na que se conclúe que a forma de xestión máis sostible e eficiente é a xestión directa, o que implica o pase do Servizo de Emerxencias e Contra Incendios na provincia á xestión cen por cen pública. Este cambio leva implícita a subrogación do persoal de intervención co carácter de persoal indefinido non fixo ou interinidade ata a cobertura dos postos con carácter definitivo. O persoal mantén as condicións laborais que tiñan co anterior modelo.

A presidenta provincial, Carmela Silva, e o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, expresaron o seu recoñecemento e felicitación aos equipos que tiveron que facer un "inxente traballo" para levar a cabo con éxito o proceso do pase á xestión pública. Carmela Silva agradeceu o "enorme esforzo para  cumprir en tempo en forma co procedemento" e Santiago Villanueva uniuse aos agradecementos ao persoal. "Agora temos que seguir traballando para que o servizo vaia ben e tirar para adiante".

O pleno deu tamén luz verde ao expediente de modificación de crédito para adaptar á nova situación de xestión directa o orzamento 2021 do Consorcio, e aprobou a modificación do cadro de persoal e retribucións para este exercicio. A modificación orzamentaria será ratificada no próximo pleno da Deputación de Pontevedra para a súa tramitación dentro do Orzamento xeral da institución provincial.