Noticias

O polígono de Barro acolle en outubro cinco novas accións formativas do programa SmartPeme da Deputación

Os cursos sobre Fabricación Dixital desenvolveranse no Centro de Servizo e Apoio Empresarial


02 outubro 2019
Smartpeme

O polígono de Barro acolle durante este mes de outubro cinco novas accións formativas do programa SmartPeme da Deputación de Pontevedra para a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes, co obxectivo de aumentar a súa competitividade. Deste xeito, SmartPeme oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man das propias implicadas e implicados e coa colaboración das asociacións de empresarias e empresarios e de mozas e mozos autónomos.

Estes cursos abordarán a Fabricación Dixital en distintos niveis. A primeira sesión sobre esta temática terá lugar mañá, xoves 3 de outubro, mentres que o segundo curso desenvolverase o xoves 10 de outubro. O terceiro nivel abordarase na sesión do xoves 17 de outubro e o cuarto o seguinte xoves, día 24 de outubro. O derradeiro curso de Fabricación Dixital terá lugar o martes 29 de outubro. En todos os casos, o horario será das 17 ás 21 horas.

Os obradoiros impartiranse no Fab Lab do Centro de Servizo e Apoio Empresarial anexo ao Viveiro de Empresas do polígono de Barro. As inscricións para tomar parte nas accións formativas pódense facer no número de teléfono 886 202 020, no correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou na páxina web www.smartpeme.depo.gal.