Noticias

O polígono de Barro acolle en setembro catro novas accións formativas do programa "Smartpeme" da Deputación

Os cursos de robótica con App Inventor desenvolveranse no Centro de Servizo e Apoio Empresarial


04 setembro 2019
Smartpeme

O polígono de Barro acolle durante este mes de setembro catro novas accións formativas do programa "Smartpeme" da Deputación de Pontevedra. Este programa céntrase na adaptación das empresas e os proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade. Deste xeito, "SmartPeme" ofrécelles ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man das propias implicadas e implicados e coa colaboración das asociacións empresariais e de mozas e mozos autónomos.

Estes cursos abordarán a robótica con App Inventor en distintos niveis. A primeira sesión terá lugar este xoves 5 de setembro, mentres que o segundo curso se desenvolverá o xoves 12 de setembro. O nivel tres abordarase na sesión do xoves 19 de setembro e, por último, o cuarto módulo terá lugar o xoves 26 de setembro. En todos os casos o horario será das 17 ás 21 horas.

Os obradoiros impartiranse no Fab Lab do Centro de Servizo e Apoio Empresarial anexo ao Viveiro de Empresas do polígono de Barro e, para este itinerario formativo, precísase ter un ordenador portátil con navegador Chrome, unha conta de Google e un dispositivo (móbil ou tableta) Android. As inscricións para participar nas accións formativas pódense facer no número de teléfono 886 202 020, no correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou na páxina web www.smartpeme.depo.gal.