Noticias

O Porriño acollerá en outubro seis novas accións formativas do programa SmartPeme

Están dirixidas á adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades


30 setembro 2019
Smartpeme

A Deputación de Pontevedra programou para este mes de outubro seis novas accións formativas do programa SmartPeme que comezan mañá no Porriño. Estas sesións están dirixidas á adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes, co obxectivo de aumentar a súa competitividade. Deste xeito, SmartPeme oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man das propias implicadas e implicados e coa colaboración das asociacións de empresarias e empresarios e de mozas e mozos autónomos.

Así, os cursos que se impartirán deade o 1 ata o 29 de outubro serán os seguintes: Aprende a Promocionar a túa Empresa con Pinterest, que se desenvolverá o martes 1 de outubro de 19 a 21 horas; Optimiza a túa Páxina de Facebook, que será o xoves 10 de outubro de 18 a 21 horas; Así Funciona Whatsapp Business, o martes 15 de outubro de 19 a 21 horas; Como Impulsar o teu Negocio cun Podcast, que terá lugar o xoves 17 de outubro de 19 a 21 horas; Motores de Reservas para Empresas Turísticas, que será o martes 22 de outubro de 17 a 19 horas; e, por último, Apps de Edición: Sácalle Partido ó teu Instagram, que se desenvolverá entre as 18 e as 21 horas do martes 29 de outubro.

A totalidade destes obradoiros será impartida no Multicentro do Concello do Porriño (Ribeira, s/n, Torneiros). As inscricións para tomar parte nas accións formativas pódense facer no número de teléfono 886 202 020, no correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou na páxina web www.smartpeme.depo.gal. Ademais, o programa formativo SmartPeme estrea Twitter (@smartpeme) e Facebook (SmartPeme).