Noticias

O Porriño mellora as rúas de Torneiros cun investimento de máis 90.000 euros da Deputación de Pontevedra

O deputado Santos Héctor e alcaldesa, Eva García de la Torre, destacan que trátase dun barrio con moita poboación, "maior por si só que moitos concellos da provincia"


20 abril 2021
Torneiros- O Porriño

As principais rúas do barrio de Torneiros, no Porriño, renovaron o seu pavimento cunha campaña de asfaltado emprendida polo Concello en colaboración coa Deputación, que achegou os máis de 90.200 euros da actuación. As obras, que supuxeron unha mellora nos accesos a varios equipamentos públicos con importante demanda cidadá, foron visitadas hoxe polo deputado de Cooperación, Santos Héctor, e a alcaldesa, Eva García de la Torre. Estiveron acompañados pola deputada Ana Laura Iglesias e varias concelleiras e concelleiros.

Destacouse que Torneiros é un barrio moi densamente poboado, cunhas 5.000 persoas, o que equivale a un 25 % do número de persoas empadroadas no Porriño. "É unha poboación maior ca que existe en moitos concellos da provincia", destacou Santos Héctor, polo que este investimento significa atender as necesidades de moita xente "e dar un servizo digno a unha aglomeración urbana que medrou moitísimo nos últimos anos". O deputado recalcou que en Torneiros hai numerosos equipamentos e dotacións públicas, como o edificio multiusos do Concello, onde está a oficina municipal de Porremprego, a oficina dos Servizos Públicos de Emprego, Medio Ambiente da Xunta de Galicia ou o Viveiro de Empresas. A carón destas rúas está tamén o colexio Antonio Palacios, o Instituto de Ensino Secundario Ribeira do Louro ou a igrexa de San Rosendo, ademais de dotacións deportivas como o campo de fútbol. Un gran conxunto de equipamentos públicos que mobilizan a moitas persoas, "polo que tamén era necesario apostar pola seguridade viaria", lembrou Santos Héctor.

A alcaldesa Eva García de la Torre destacou que Torneiros é un "núcleo importantísimo para O Porriño" e explicou que pola configuración urbanística con que se deseñou e executou no seu día "daba pé a un certo abandono". Así explicou que o actual Goberno municipal apostou por mellorar os espazos públicos e instalar servizos municipais, como o Porremprego. "Pouco a pouco, transformamos Torneiros nun lugar interesante para vivir e imos dándolle a importancia que ten".

Finalmente, agradeceu o traballo dos seus colaboradores, como o tenente de alcalde, Pedro Pereira, "que ten moita capacidade e ocupouse destas obras, polo que hai que agradecerllo publicamente". García de la Torre recoñeceu expresamente o marco de colaboración institucional e financiamento regrado por parte da Deputación, "que é exactamente o mesmo que fai con todos os concellos da provincia".

13 pasos de cebra para optimizar a seguridade viaria

As obras en Torneiros abrangueron unha superficie próxima aos 10.000 metros cadrados de vías públicas, nos inclúen 13 pasos de cebra sobreelevados para garantir a seguridade viaria e a accesibilidade. Ademais, sinalizáronse as sete "isletas" de organización do tráfico e catro prazas de estacionamento para persoas con diversidade funcional nas proximidades dos equipamentos públicos. A obra incluíu tamén todo o pintado da sinalización horizontal e a colocación en rasante de todas as tapas de rexistro dos servizos soterrados.

A Deputación de Pontevedra leva investidos no Porriño en torno a 10,5 millóns de euros desde o ano 2015, é dicir, desde o cambio no Goberno provincial. Neste tempo realizáronse preto de 60 obras financiadas con cargo ao Plan Concellos. Este ano, o municipio da Louriña recibe 1.167.000 euros do plan de financiamento regrado da Deputación aos concellos de menos de 50.000 habitantes. Por outra banda, o Goberno local tamén ten prevista a contratación de 25 persoas desempregadas con cargo á Liña 3 (de Emprego) do Plan Concellos. O Porriño é un dos concellos da provincia que máis partido tira deste tipo de axudas da Deputación, pois desde o ano 2015 ten contratado xa a 195 paradas e parados.