Noticias

O programa da Deputación de Pontevedra "Musigal" 2019 chega a catro concellos do Condado e da Paradanta

A Cañiza, Crecente, Mondariz e Salvaterra de Miño gozarán durante este agosto de diferentes actuacións musicais ao abeiro do programa da institución provincial


08 agosto 2019
Musigal

Catro concellos do Condado e da Paradanta contarán durante este mes de agosto con espectáculos musicais grazas ao programa da Deputación de Pontevedra "Musigal" 2019. Concretamente serán os municipios da Cañiza, Crecente, Mondariz e Salvaterra de Miño.

A primeira actuación terá lugar este mesmo sábado 10 de agosto en Crecente a cargo da Orquestra de Cámara Galega. Este grupo, fundado en 1995, está integrado por músicas e músicos galegos formados en diversos conservatorios europeos. Interpreta un amplo repertorio que abarca desde o barroco temperán ata hoxe, incluíndo a difusión de autores galegos e facendo especial fincapé na extensa obra do mestre Rogelio Groba.

As seguintes paradas do "Musigal" serán A Cañiza e Mondariz, en ambos os lugares o mércores 14 de agosto. Alí actuarán Luar na Lubre e Óscar Ibañez & Tribo, respectivamente. Luar na Lubre, grupo de folk galego creado na Coruña en 1985, é unha das bandas máis representativas do panorama folk galego, que obtivo multitude de premios e dous discos de ouro e actuou nos mellores escenarios. Pola súa parte, o gaiteiro Óscar Ibáñez, co seu grupo Óscar Ibáñez & Tribo, realizou máis de 200 concertos en toda España, Gran Bretaña e Italia.

Por último, o sábado 24 de agosto Salvaterra de Miño gozará da actuación de Budiño, gaiteiro moañés que enraíza a súa música na tradición galega mesturada sutilmente cos sons máis contemporáneos.

O programa "Musigal" 2019 naceu co obxectivo de favorecer a programación artística por parte dos concellos e diríxese especificamente a grupos e artistas profesionais de música. Un dos seus obxectivos é a dinamización da lingua galega, en canto que busca favorecer a vivencia positiva no noso idioma e contribuír á posta en valor da lingua galega e ao incremento do seu uso e prestixio, á socialización en galego da infancia e da mocidade e á toma de consciencia sociolingüística da poboación da provincia de Pontevedra.

Este 2019 participan no programa da institución provincial máis de 100 grupos e artistas con domicilio social en Pontevedra. Esta segunda edición do programa, que conta cun orzamento de 500.000 euros, incrementou notablemente as solicitudes de inscrición con respecto á primeira edición, que arrancara con 70 persoas inscritas. Coma o ano pasado, neste programa existen seis categorías musicais: "Son muller", na que poden inscribirse grupos nos que polo menos o 60 % das persoas integrantes e a vocalista sexan mulleres; "Son crianza", para grupos con espectáculos dirixidos ao público infantil e familiar; "Son mocidade", para grupos nos que polo menos o 60 % das persoas integrantes sexan menores de 35 anos; "Son tradición", para grupos de música tradicional galega; "Son clásico", para grupos de música clásica que teñan no seu repertorio composicións de autoras e autores galegos, e "Son actual", para grupos de pop, rock, hip hop e música electrónica.