Noticias

O programa da Deputación de Pontevedra "Mulleres en acción. Violencia zero" chega ás Neves da man de Vanesa Álvarez e o seu "Future"

A artista viguesa creará un mural colaborativo mañá, ás 12:00 horas, na Casa da Xuventude. Participarán na acción artística alumnado e profesorado do IES Pazo da Mercé


06 outubro 2019
Mulleres en Acción. Violencia Zero

A poetisa visual Vanesa Álvarez achegará Future ao concello pontevedrés das Neves este luns, ata o que se desprazarán as deputadas provinciais Isaura Abelairas e Olga García. A cita terá lugar, ás 12:00 horas, na Casa da Xuventude, onde a artista e todos aqueles que a queiran acompañar poderán participar nesta acción enmarcada no programa "Mulleres en acción. Violencia zero" da Deputación de Pontevedra. O obxectivo deste tipo de iniciativas é darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o traballo de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade.

Vanesa Álvarez está titulada en Artes Plásticas e Deseño e traballa como creadora tanto na súa vertente máis comercial coma nas artes escénicas, poesía e arte urbano. A acción que achegará ás Neves consistirá en realizar un mural colaborativo que está aberto a toda a cidadanía e no que participarán activamente alumando e profesorado do IES Pazo da Mercé da vila. A artista actuará como guía e xunto ás persoas asistentes, coa axuda dun código cromático marcado, crearán unha obra cunhas palabras e unha imaxe moi potentes.

Este ano 2019 "Mulleres en acción. Violencia zero" volve reunir o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta cuarta edición comezou en novembro de 2018 e novamente ten lugar en 25 concellos da provincia (Vigo, Pontevedra, Ponteareas, Salceda de Caselas, Vilaboa, Mos, Ponte Caldelas, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Barro, Lalín, O Grove, Silleda, Tomiño, Poio, As Neves, Illa de Arousa, Baiona, Cangas, A Guarda, Forcarei, Gondomar, Cuntis, Meis e Nigrán).