Noticias

O programa da Deputación "Musigal" 2019 chega a Caldas de Reis e Ponte Caldelas

Treixadura actuará este domingo en Caldas de Reis e Ponte Caldelas acollerá o día 18 a orquestra folk SonDeSeu


09 agosto 2019
Musigal en Ponte Caldelas

O programa da Deputación de Pontevedra vinculado á área da cultura "Musigal" 2019 chega este mes de agosto á comarca de Pontevedra coas actuacións de Treixadura, que estará este domingo 11 de agosto en Caldas de Reis, e SonDeSeu, que estará o domingo 18 en Ponte Caldelas.

Treixadura é un grupo creado en 1990 que toca unha música tradicional galega chea de variedade de ritmos. Pola súa banda, SonDeSeu, nacida en 2001, é unha das primeiras orquestras europeas de música folk contemporánea. O seu repertorio consta de temas procedentes da tradición oral da música popular de Galicia arranxados especialmente para a formación que integran os seus compoñentes e responsables das distintas seccións, que abrangue gaitas, percusión, zanfonas, violíns, requintas e frautas de madeira, canto, arpas e corda pulsada.

"Musigal" 2019 naceu co obxectivo de favorecer a programación artística por parte dos concellos e diríxese especificamente a grupos e artistas profesionais de música. Un dos seus obxectivos é a dinamización da lingua galega, en canto que busca favorecer a vivencia positiva no noso idioma e contribuír á posta en valor da lingua galega e ao incremento do seu uso e prestixio, á socialización en galego da infancia e da mocidade e á toma de consciencia sociolingüística da poboación da provincia de Pontevedra.

Este 2019 participan no programa da institución provincial máis de 100 grupos e artistas con domicilio social en Pontevedra. Esta segunda edición do programa, que conta cun orzamento de 500.000 euros, incrementou notablemente as solicitudes de inscrición con respecto á primeira edición, que arrancara con 70 persoas inscritas. Coma o ano pasado, neste programa existen seis categorías musicais: "Son muller", na que poden inscribirse grupos nos que polo menos o 60 % das persoas integrantes e a vocalista sexan mulleres; "Son crianza", para grupos con espectáculos dirixidos ao público infantil e familiar; "Son mocidade", para grupos nos que polo menos o 60 % das persoas integrantes sexan menores de 35 anos; "Son tradición", para grupos de música tradicional galega; "Son clásico", para grupos de música clásica que teñan no seu repertorio composicións de autoras e autores galegos, e "Son actual", para grupos de pop, rock, hip hop e música electrónica.