Noticias

O programa da Deputación "Musigal 2019" chega a Redondela e Salceda

Susana Seivane actuará en Salceda de Caselas este sábado e "Treixadura" en Redondela o mércores 24 de xullo


19 xullo 2019

"Musigal 2019", o programa da Deputación de Pontevedra, chega este días a Salceda e Redondela coas actuacións de Susana Seivane  e "Treixadura". En concreto a gaiteira galega actuará este sábado en Salceda de Caselas, mentres Redondela acollerá o próximo mércores o concerto de Treixadura. Seivane é unha gaiteira cun estilo musical tradicional dos antigos gaiteiros aínda que tamén incorpora ás veces influencias doutros estilos musicais. Pola súa banda, "Treixadura" é un grupo creado en 1990 que toca unha música tradicional galega chea de variedade de ritmos.

"Musigal 2019" naceu co obxectivo de favorecer a programación artística por parte dos concellos e diríxese especificamente aos grupos e artistas profesionais de música. Un dos seus obxectivos é a dinamización da lingua galega, en canto que busca favorecer a vivencia positiva no noso idioma e contribuír á posta en valor da lingua galega e ao incremento do seu uso e prestixio, á socialización en galego da infancia e da mocidade e á toma de consciencia sociolingüística da poboación da provincia de Pontevedra.

Este 2019 participan no programa máis de 100 grupos e artistas da provincia de Pontevedra. Esta segunda edición do programa, que conta cun orzamento de 500.000 euros, incrementou notablemente as solicitudes de inscrición con respecto á primeira edición, que había arrancado con 70 inscritos. Como o ano pasado neste programa existen seis categorías musicais: ‘Son muller', na que poden inscribirse grupos nos que polo menos o 60 % das persoas integrantes e a vocalista sexan mulleres; "Son crianza" para grupos con espectáculos dirixidos ao público infantil e familiar; "Son mocidade" para grupos nos que polo menos o 60 % das persoas integrantes sexan menores de 35 anos; "Son tradición" para grupos de música tradicional galega; "Son clásico" para grupos de música clásica que teñan no seu repertorio composicións de autoras e autores galegos; e "Son actual" para grupos de pop, rock, hip hop e música electrónica.