Noticias

O programa da Deputación "Musigal" 2019 chega este sábado a Nigrán con ‘Son galego, son cubano'

O proxecto musical do artista Roi Casal é un espectáculo de homenaxe a Neira Vilas e á emigración galega en Cuba


08 agosto 2019
Musigal

O programa da Deputación de Pontevedra "Musigal" 2019 chega este sábado á vila de Nigrán no marco do Festival Chan de Folk co espectáculo do artista Roi Casal Son galego, son cubano, que vai ter lugar na carballeira de Chandebrito ás 21:00 horas. Este proxecto musical foi presentado por vez primeira no Gran Teatro de La Habana con dous concertos en 2016 e constitúe o grande espectáculo musical entre Galicia e Cuba, un show que conta coas letras de Neira Vilas (que traballou conxuntamente neste proxecto con Casal ata o seu falecemento en 2015) e a posta en escena de músicos de ambos os países. Esta xira considérase unha homenaxe ao propio Neira Vilas e á emigración galega en Cuba, onde o autor residiu 31 anos e deixou rexistrada en varias das súas obras a pegada dos galegos na illa caribeña.

O programa "Musigal" 2019 ten por obxectivo favorecer a programación artística dos concellos e diríxese especificamente aos grupos e artistas de música profesionais. Un dos seus obxectivos é a dinamización da lingua galega, en canto que busca favorecer a vivencia positiva no noso idioma e contribuír á posta en valor da lingua galega e ao incremento do seu uso e prestixio, á socialización en galego da infancia e da mocidade e á toma de consciencia sociolingüística da poboación da provincia de Pontevedra.

Este ano desenvólvese a segunda edición deste programa da institución provincial, cun orzamento de 500.000 euros, no que participan máis de 100 artistas e grupos –na anterior foron 70 os inscritos– con domicilio social en Pontevedra. Neste mes de agosto desenvolveranse un total de trece actuacións enmarcadas neste plan, que achegarán a música galega a outros tantos concellos da provincia.