Noticias

O programa da Deputación, "Musigal 2019", enche de música este mes de xullo a comarca de Pontevedra

Durante este mes de xullo a iniciativa da institución provincial levará concertos aos concellos da Lama, Marín e Moraña


13 xullo 2019
Musigal

Neste mes de xullo a comarca de Pontevedra encherase de música grazas a "Musigal 2019", o programa da Deputación de Pontevedra vinculado á área de Cultura. En concreto, "Amantes da Terra" actuará en Marín este domingo 14 de xullo; "A Roda", na Lama o sábado 20 de xullo, e "Óscar Ibáñez e Tribo", en Moraña o día 28.

Máis polo miúdo "Amantes da Terra" é un espectáculo cultural que xira ao redor da tradición e do folclore galego. Pola súa banda "A Roda" é un grupo de música tradicional galega que naceu en 1976 entre un grupo de amigos que adoitaban cantar nas tabernas e o gaiteiro Óscar Ibáñez, co seu grupo "Óscar Ibáñez & Tribo" ten realizado máis de 200 concertos en toda España, Gran Bretaña e Italia.

O programa "Musigal 2019" naceu co obxectivo de favorecer a programación artística por parte dos concellos e diríxese especificamente aos grupos e artistas profesionais de música. Un dos seus obxectivos é a dinamización da lingua galega, en canto que busca favorecer a vivencia positiva no noso idioma e contribuír á posta en valor da lingua galega e ao incremento do seu uso e prestixio, á socialización en galego da infancia e da mocidade e á toma de consciencia sociolingüística da poboación da provincia de Pontevedra. Este 2019 participan no programa da institución provincial máis de 100 grupos e artistas. Esta segunda edición do programa, que conta cun orzamento de 500.000 euros, incrementou notablemente as solicitudes de inscrición con respecto á primeira edición, que había arrancado con 70 inscritos.

Como o ano pasado neste programa existen seis categorías musicais: ‘Son muller', na que poden inscribirse grupos nos que polo menos o 60 % das persoas integrantes e a vocalista sexan mulleres; "Son crianza" para grupos con espectáculos dirixidos ao público infantil e familiar; "Son mocidade" para grupos nos que polo menos o 60 % das persoas integrantes sexan menores de 35 anos; "Son tradición" para grupos de música tradicional galega; "Son clásico" para grupos de música clásica que teñan no seu repertorio composicións de autoras e autores galegos; e "Son actual" para grupos de pop, rock, hip hop e música electrónica.