Noticias

O programa "depoEMPRENDE na escola" da Deputación inicia esta semana a formación específica para o profesorado dos centros participantes

Toman parte este ano máis de 550 estudantes e preto de 60 docentes dun total de 22 centros educativos, pertencentes a 14 concellos da provincia


12 xaneiro 2019
Depoemprende na Escola

Ao longo da próxima semana vai comezar a formación específica para o persoal docente de Educación Primaria e Especial, Secundaria e Formación Profesional dos centros educativos da provincia que participan no programa "depoEMPRENDE" para escolares impulsado desde fai tres anos pola Deputación de Pontevedra. En total, van iniciar a súa formación preto de 60 profesoras e profesores dun total de 22 centros educativos, pertencentes a 14 concellos da provincia. O obxectivo desta fase formativa é dotar ao persoal docente das ferramentas e recursos necesarios para poder axudar ao alumnado a adquirir a competencia emprendedora.

O programa "depoEMPRENDE" para escolares componse de tres categorías: "depoEMPRENDE na escola" para alumnado de Primaria e Educación Especial, "depoEmprende na ESO" para alumnado de Secundaria e "depoEMPRENDE na FP". A formación desta semana comeza para 34 docentes de centros de Primaria e Educación Especial, para 14 docentes de centros de Secundaria e para 11 docentes de centros de Formación Profesional. As sesións formativas vanse desenvolver, as tardes dos luns ao xoves desta semana, no Centro de Formación e Recursos de Pontevedra.

Na edición deste ano de "depoEMPRENDE" para escolares participan un total de 22 centros educativos: 9 de Primaria e Especial, 7 da ESO e 6 de Formación Profesional. Pertencen a un total de 14 concellos diferentes da provincia. O alumnado total que forma parte este ano da iniciativa é de máis de 550 alumnos, e pola banda do persoal docente, están implicados preto de 60 profesoras e profesoras.

En concreto, en "depoEMPRENDE na escola" participan preto de 330 alumnas e alumnos de 9 centros educativos. Trátase do CEE Príncipe Felipe (Pontevedra), CEP Antonio Magariños Pastoriza (Cambados), CEIP As Bizocas (O Grove), CEIP Plurilingüe Enrique Barreiro Piñeiro (Cambados), CEIP García Barbón (Vigo), CEIP Plurilingüe Núm. 1 de Tui, CPI Julia Becerra Malvar (Ribadumia), CEE Vilagarcía de Arousa e CEIP Santo André de Xeve (Pontevedra). O obxectivo do programa neste etapa é crear e xestionar unha cooperativa para fabricar un produto concreto.

"DepoEMPRENDE na ESO" concentra este curso a case 100 alumnas e alumnos de 7 centros educativos. Son o IES Plurilingüe A Paralaia (Moaña), IES de Rodeira (Cangas), IES Luís Seoane (Pontevedra), IES Illa de San Simón (Redondela), IES Illa de Ons (Bueu), IES Indalecio Pérez Tizón (Tui) e IES de Meaño. A finalidade neste programa é poder crear cooperativas de comercio exterior e estudar iniciativa emprendedora.

Máis de 130 estudantes de Formación Profesional, pertencentes a 6 centros da provincia, toman parte este ano en "depoEMPRENDE na FP". En concreto, trátase do IES de Rodeira (Cangas), CIFP Carlos Oroza (Pontevedra), Asociación EFA A Cancela (As Neves), IES Terra do Turonio (Gondomar), CFEA Lourizán (Pontevedra) e CPR San Miguel (Vigo). O obxectivo de "depoEMPRENDE para escolares de FP" é crear proxectos empresarias concretos.

Este programa impulsado pola Deputación ten acadado un notable éxito nos tres cursos que se vén aplicando, sendo o curso pasado o da súa consolidación. No curso 2017-2018 participaron nas tres categorías un total de 549 alumnas e alumnos: 404 en "depoEMPRENDE na escola", 36 en "depoEMPRENDE na ESO" e 109 en "depoEMPRENDE na FP". Foron 21 centros educativos os que tomaron parte na iniciativa, que deu como resultado a creación de 17 cooperativas en Primaria e Especial, 5 cooperativas de comercio exterior na ESO e a configuración de 38 proxectos empresariais na FP.