Noticias

O programa DepoEmprende na FP dá o pistoletazo de saída coas charlas de motivación para o alumnado e accións formativas para o profesorado

Un total de dez centros educativos de sete concellos da provincia participan este ano en DepoEmprende na FP para fomentar o emprendemento na etapa estudantil


24 outubro 2019
DepoEmprende na FP

A partir deste venres, 25 de outubro, van comezar de forma paralela as charlas de motivación para o alumnado e as accións formativas para o profesorado dos dez centros educativos de sete concellos da provincia participantes no programa DepoEmprende na FP 2019-2020, impulsado pola Deputación de Pontevedra para fomentar o emprendemento na etapa estudantil.

En concreto, as persoas participantes nas xornadas motivadoras coñecerán de preto o proxecto, recibirán información sobre o proceso a seguir na creación dos proxectos empresariais e introduciranse na metodoloxía de traballo. Así, mañá venres 25 de outubro darán comezo as dúas primeiras charlas, no CIFP Manuel Antonio de Vigo  ás 10 h  e no CPR Daniel Castelao de Vigo  ás 12 h; o luns 28 de outubro será a quenda do CPR San Miguel de Vigo, ás 9:30 h, e do IES Rodeira de Cangas, ás 12 h; o luns 4 de novembro serán as charlas no IES Indalecio Pérez Tizón de Tui, ás 9:30 h, e na Asociación Escola Familiar Agraria A Cancelas das Neves, ás 12 h; o martes 5 de novembro levaranse a cabo charlas no CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, ás 8:30 h, e no IES Terra de Turonio de Gondomar, ás 12:30 h; e, por último, a quenda do IES Montecelo de Pontevedra e do IES Johan Carballeira de Bueu será o mércores 6 de novembro, ás 10 e 12 h, respectivamente.

No que respecta á formación específica para o persoal docente de formación profesional, o obxectivo é dotar ao profesorado das ferramentas e recursos necesarios para poder axudar ao alumnado a adquirir a competencia emprendedora. Neste caso, as accións formativas para o persoal docente terán lugar no CFR Pontevedra os días 28 de outubro, 5 e 7 de novembro; dende as 16 ata as 20 horas.

DepoEmprende na FP é unha das tres categorías nas que se divide o programa DepoEmprende para escolares. Unha iniciativa que busca fomentar o emprendemento como un dos factores clave nunha economía do coñecemento eliminando as barreiras que dificultan a transformación das ideas emprendedoras en proxectos concretos, promover a cultura emprendedora no marco do sistema educativo e impulsar que o alumnado sexa protagonista da súa propia aprendizaxe, cun traballo desde a práctica. Ao mesmo tempo, DepoEmprende tamén favorece o desenvolvemento de competencias asociadas á comunicación, á análise do entorno físico, á creación, á convivencia, ás expresións culturais, ás matemáticas e ciencias e á alfabetización dixital. Este ano participan nesta iniciativa un total de 25 centros educativos de 15 concellos da provincia.