Noticias

O programa "Mulleres en acción. Violencia zero" dalles voz ás mulleres e percorre no IES de Mos os roles patriarcais que as silenciaron na historia

A deputada Isaura Abelairas apelou á necesidade de implicar á mocidade na loita contra as violencias machistas e as desigualdades


15 xaneiro 2019
Mulleres en Acción Violencia Zero

O Instituto de Ensinanza Secundaria de Mos acolleu esta mañá a quinta intervención artística da cuarta edición do programa da Deputación de Pontevedra "Mulleres en acción. Violencia zero", coa presenza da deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a comunidade educativa do instituto. A protagonista da acción artística foi a artista compostelá María Move que escenificou a acción de danza contemporánea In Mapa Son, coa colaboración e participación de máis de 30 alumnas e alumnos de Bacharelato das Artes do instituto, na que deu voz ás mulleres e fixo un percorrido polos roles patriarcais que as silenciaron ao longo da historia.

A deputada Isaura Abelairas explicou que "Mulleres en acción. Violencia zero" naceu coa idea de visibilizar a loita contra as violencias machistas e a denuncia das situacións de desigualdade. Neste eido, Abelairas apelou á necesidade de que a mocidade, hoxe máis que nunca, se implique nesta loita: "vós sodes o futuro e nas vosas mans está o cambio, nas vosas mans está a posibilidade de que rematemos dunha vez coa desigualdade entre mulleres e homes e coa violencia contra as mulleres". Pola súa parte, a alcaldesa Nidia Arévalo incidiu na implicación da sociedade contra a violencia machista e resaltou especialmente o papel das mulleres con cargos de responsabilidade nas administracións.

María Move a través da peza In Mapa Son representou mediante a danza, a voz e a música de percusión en vivo de Manuel Fonte unha viaxe desde a periferia cara o interior. Ao longo da acción, catro rapazas leron textos da propia artista, cuxo fío condutor era a auga, símbolo, segundo Move, "non só de renacer, senón tamén de depurar e construír a partir do feito". Deste xeito, a artista compostelá comezou a danza saíndo de entre o público, representando a voz de diferentes mulleres e facendo un percorrido polos roles patriarcais que as silenciaron ao longo da historia, co fin de desmontalos e superalos. Ao longo de toda a danza, a artista representou múltiples xestos coas mans, que silencian, limitan, arrastran ou impiden algo, para finalmente esas mans tornarse en ás, facendo así unha oda á liberdade, á confianza e ao respecto, así como á implicación dos homes nesta loita.

"Mulleres en acción. Violencia zero" é unha iniciativa da Deputación de Pontevedra, a través da área de Igualdade, para levar accións artísticas a espazos públicos nas que implicar á cidadanía na loita contra as violencias machistas e contra as desigualdades entre homes e mulleres. Reúne o traballo de 25 mulleres artistas especialistas en diferentes artes como a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas pola vontade de ofrecer, na súa obra, un firme discurso en favor da igualdade e en repulsa da violencia machista.

A vixente cuarta edición comezou o pasado novembro en Vigo e en Pontevedra. En total, serán 25 accións en 25 concellos da provincia: Vigo, Pontevedra, Salceda de Caselas, Ponteareas, Vilaboa, Mos, Ponte Caldelas, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Barro, Lalín, O Grove, Silleda, Tomiño, Poio, As Neves, A Illa de Arousa, Baiona, Cangas, A Guarda, Forcarei, Gondomar, Cuntis, Meis e Nigrán. Nas catro edicións que leva este programa téñense realizado 85 accións artísticas e teñen participado máis de 100 artistas.