Noticias

O programa "Violencia Zero" chega este mércores á Illa coa danza tradicional africana de Konafro

A partir das 21.00h, o grupo musical galego, integrado por 7 mulleres, ofrecerá un espectáculo cheo de forza, cor e enerxía nunha actuación cargada de feminidade


09 xullo 2019
Konafro

A Illa de Arousa será o escenario este mércores, ás 21.00 horas, dunha nova intervención artística do programa "Mulleres en Acción. Violencia Zero" da Deputación de Pontevedra. A decimo sétima acción desta cuarta edición realizarase na Praza do Regueiro e terá como protagonistas ao grupo galego Konafro, un grupo musical formado por sete mulleres que fusionan cos seus espectáculos a percusión e a danza tradicional da costa oeste africana.

Na Illa, o grupo galego empregará "dundúns" e "djembés" para levar a cabo un espectáculo cheo de forza, cor e enerxía. Terá unha carga de feminidade, centrada en ritmos e danzas dedicadas ás mulleres. As sete compoñentes do grupo achegaranlle ao público unhas pinceladas desta marabillosa cultura, buscando crear un espazo onde a alegría flúa e os corpos se deixen levar ao son de "dundúns" e "djembés".

"Mulleres en Acción. Violencia Zero" neste ano 2019 volve reunir o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. O obxectivo é darlle visibilidade á loita pola igualdade e contra as violencias machistas, ao tempo que serve de escaparate para enxalzar o traballo das mulleres artistas galegas. Esta cuarta edición de "Mulleres en Acción. Violencia Zero" comezou en novembro de 2018 e novamente se despraza por 25 concellos da provincia.