Noticias

O proxecto DepoIntegra Xoven chega ao seu fin cunha participación de preto de medio millar de persoas

Arredor de 140 das persoas participantes no programa promovido pola Deputación de Pontevedra xa están traballando tras superar máis do 75 % da formación


07 xullo 2019
DepoIntegra Xoven

O proxecto da Deputación de Pontevedra DepoIntegra xoven, cofinanciado polo Fondo Social Europeo nun 91,89 % e encadrado no Programa Operativo de Emprego Xuvenil, chega ao seu fin e faino cunha participación de ata 487 persoas que puideron cursar ata 37 cursos para acadar certificados de profesionalidade.

O proxecto, que conta cun orzamento de máis de 2,5 millóns de euros, ten por obxectivos a inserción sostible no mercado de traballo da mocidade da provincia de Pontevedra, a través de itinerarios formativos e prácticas non laborais en empresas.

Aínda que o programa chegou a 487 persoas, realizaron a formación preto de 350, das que máis da metade foron mulleres, concretamente 174. Deste total de 346 persoas que remataron máis do 75 % da formación xa están traballando 136 persoas. Ademais, en canto a persoas que recibiron algún tipo de oferta de traballo o número é de 146.

Os principais obxectivos deste proxecto, que se estendeu entre o ano 2017 e este mesmo, son a integración sustentable no mercado de traballo de persoas desempregadas entre 16 e 30 anos; a realización de actividades formativas constituíntes de itinerarios integrados dirixidos á obtención de certificados de profesionalidade en diferentes localizacións da provincia; a realización de formación complementaria e transversal como diferentes idiomas, novas tecnoloxías ou igualdade de oportunidades; favorecer a participación das mulleres, persoas paradas de longa duración e colectivos en risco de exclusión social, e garantir a non exclusión por motivos sociais, por nivel formativo, por razóns de xénero e por lugar de residencia, de ningunha persoa que responda ao perfil de destinataria.

Os cursos, que tiveron lugar nas comarcas do Baixo Miño, Deza, Pontevedra, O Salnés e Vigo, estiveron relacionados coa informática, programación, desenvolvemento de aplicacións web; comercio e mercadotecnia; dinamización, ocio de tempo libre; salón de peiteado, almacén, carnicería/peixería; caixa de comercio, instalacións eléctricas; acompañamento de transporte escolar e primeiros auxilios; condución profesional de vehículos; hostalería e cociña.