Noticias

O quinteto de vento da Orquestra Filharmónica de Pontevedra encherá Covelo de música

O concerto terá lugar o domingo 9 de agosto, ás 20:00 horas, na praia fluvial de Maceira e nel terán cabida obras de compositores da altura de Beethoven ou Prokófiev


08 agosto 2020
O quinteto de vento da Orquestra Filharmónica de Pontevedra encherá Covelo de música

A Deputación de Pontevedra organiza o domingo 9 de agosto, ás 20:00 horas, un concerto do quinteto de vento da Orquestra Filharmónica de Pontevedra. Este acto musical terá lugar na praia fluvial de Maceira, no concello de Covelo, e está incluído no programa cultural "Música no ar", impulsado polo ente provincial para achegar a música a todos os recunchos e democratizar a cultura. Así, ao evento acudirán o deputado provincial de Cooperación, Santos Héctor; o alcalde de Covelo, Juan Pablo Castillo; e os tenentes de alcalde Lourdes Enes e Félix Álvarez.

O quinteto de vento da Orquestra Filharmónica de Pontevedra, composto por Judith Rey Iglesias (frauta), David Garrido Caneiro (óboe), Francisco Javier Morgade Dobaño (clarinete), David Arroyos Juan (fagot) e María Pilar Simeó Gijón (trompa), interpretará obras recoñecidas e compostas por autores de prestixio coma Beethoven, Prokófiev, S. Joplin, J. Teixidor, S. Couceiro, C. M. Ziehrer, Bizet ou F. Danzi. Este conxunto musical, de longa traxectoria, nace en Pontevedra e está conformado por profesionais do ámbito musical cunha consolidada experiencia no mundo da interpretación e da docencia.

"Música no ar", enmarcado dentro do amplo programa cultural deseñado pola Deputación de Pontevedra para o ano 2020, máis concretamente do plan provincial "Re-acción cultural", que conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros, ten por obxectivo espallar a cultura por toda a provincia, divulgar a música de cámara de xeito gratuíto e poñer en valor todas aquelas persoas que se dedican con talento, paixón e virtuosismo á renovación do xénero musical.

Así pois, na vindeira semana terán lugar tres citas máis ao abeiro deste programa. A primeira delas terá lugar o martes 11 de agosto, ás 19:00 horas, no castelo de Sobroso, onde o cuarteto de corda e de instrumentos de vento da Orquestra Filharmónica de Pontevedra ofrecerá un concerto. Por outra banda, o venres 14 de agosto, ás 19:30 horas, o quinteto de metais da Orquestra Filharmónica de Pontevedra actuará no mosteiro de Poio, mentres que o domingo 16 de agosto, ás 20:00 horas, terá lugar un concerto da sección de percusión da Orquestra Clásica de Vigo na Carballeira de Caldas de Reis.