Noticias

O ‘Revitaliza' chega a Salceda, Mondariz, As Neves e Tomiño cunha carpa informativa sobre compostaxe, xogos e agasallos

Mestras e mestres composteiros da Deputación iniciarán mañá mércores unha xira por toda a provincia para concienciar á poboación da necesidade de compostar


24 setembro 2019
Carpa Revitaliza

O Plan Revitaliza de compostaxe da Deputación de Pontevedra chegará mañá a Salceda de Caselas e continuará nos vindeiros días desta semana en Mondariz, As Neves e Tomiño, para falar de compostaxe coa veciñanza e animala a compostar os seus biorresiduos. Unha equipa de mestras e mestres composteiros instalarán unha carpa informativa na que ademais de explicacións sobre o compost, farán xogos e preguntas e repartirán plantas e outros agasallos entre as veciñas e veciños que estean máis ao día sobre a compostaxe.

O punto informativo estará mañá mércores en Salceda de Caselas, aproveitando o día de feira, instalado diante do Concello entre as 11 e as 14 horas; o xoves desplazarase a Mondariz, na Praza de España, tamén de once a dúas; o venres no mesmo horario estará en As Neves, diante da Casa da Xunventude -onde está ubicado un dos centros de compostaxe comunitaria-; e o domingo pecharase a semana en Tomiño, aproveitando a celebración do Biomercado da Praza do Seixo, entre as dez da mañá e as seis da tarde.

O persoal técnico dará a coñecer todos os beneficios do modelo de xestión do lixo baseado na compostaxe que promove a Deputación e que pretende que os concellos cumplan os obxectivos fixados na normativa europea, estatal e autonómica en canto a reutilización e reciclaxe. Lembrarán que é precisa a colaboración da cidadanía e a súa concienciación e responsabilidade ambiental porque a Unión Europea esixirá compostar ou recoller en orixe separadamente os biorresiduos antes do 31 de decembro de 2023 de maneira obrigada.

As mestras e mestras composteiras explicarán tamén en que consiste a compostaxe comunitaria, amosando detalles de todo o proceso dende que o lixo orgánico (restos de comidas e vexetais) se xeran na casa ata que finalmente se produce o compost. Indicarán que todo o lixo orgánico (restos de vexetais, peixe e carne), tanto de cociñados como sen cociñar, son axeitados para facer compost, polo que se poden botar sen problema no composteiro e advertirán da importancia de cubrir con estruturante os restos que se deixen.

Todos aquelas persoas que teñan estes datos xa aprendidos ou dominen xa a teoría e práctica sobre a compostaxe poderán poñerse a proba e participar nos xogos de preguntas que están preparados na carpa e, de contestar correctamente as respostas, recibir unha planta ou un agasallo do Revitaliza.

As actividades de información sobre o Plan Revitaliza pretenden xerar unha dinámica de dinamización e impulso da compostaxe como un modelo de xestión do lixo ambientalmente sustentable, achegando de maneira lúdica e sinxela á veciñanza que é compostar: dar unha nova vida aos residuos orgánicos para que volvan de novo á terra como fertilizante natural e xeren novos produtos, fomentando así a economía circular en lugar de queimalos ou envialos a un vertedoiro.