O Revitaliza colle ruta a Cataluña, País Vasco e Navarra para coñecer sistemas de recollida de residuos que aplicar na provincia

A comitiva provincial formada por representantes de 16 concellos saíu hoxe de Pontevedra para iniciar mañá catro intensos días de traballo

22/05/2022

Visita Revitaliza Navarra  

O Revitaliza da Deputación de Pontevedra iniciou a primeira hora da mañá de hoxe a súa viaxe formativa cara a País Vasco, Navarra e Cataluña para coñecer 'in situ' diferentes sistemas de recollida de residuos que poder aplicar na provincia. A comitiva provincial formada por representantes políticos e técnicos de dezaseis concellos da Provincia (Poio, O Grove, Sanxenxo, Vilagarcía, Mancomunidade do Morrazo -Bueu, Cangas e Moaña-, Valga, Soutomaior, Tomiño, A Guarda, Tui, Mondariz, As Neves, Ponteareas e A Cañiza) estudarán no terreo diferentes variantes de recollida tipo 'Porta a Porta' (PaP), 'Pago por xeración' (PpX) e visitarán instalacións de compostaxe tanto simples como 'mixtas', de biorresiduos agrogandeiros e municipais, que permitirán complementar o modelo 'Revitaliza' que se está a aplicar na actualidade e cumprir canto antes os obxectivos de reciclaxe obrigados pola nova normativa.

O autobús co grupo chegará esta noite a destino para comezar mañá co intenso programa ata o xoves pola noite, sendo a xornada do venres de volta cara a Pontevedra. A xeira deste luns iniciarase a "primeirísima hora" no lugar de Cripán, na Rioja alavesa, onde se visualizará a recollida PaP para despois partir cara a Mancomunidade de Sakana onde se visitará a planta compostaxe. Xa en Usurbil representantes dese concello amosarán a súa recollida PaP e falarán do pago por xeración posto en marcha recentemente. A xornada rematará na planta de compostaxe da zona.

O martes 24 o grupo de representantes da provincia pontevedresa chegarán a Zaldivia onde haberá unha recepción por parte do tenente alcalde. Tamén verán a recollida PaP que antes era de todas as fraccións, pero que agora non inclúe a orgánica, xa que é tratada mediante composteiros comunitarios e individuais. Visitarase a planta de cribado da zona e comprobarase o sistema de trazabilidade. Seguidamente faranse visitas similares a Itxasondo e á planta de Josenea. Para finalizar a xornada chegarase ao concello de Sort onde haberá unha recepción por parte das autoridades locais, unha pequena explicación técnica, e un seguimento da recollida PaP dos residuos que se realiza todas as noites no municipio entre as 22.30 e 23.30 horas.

O mércores 24 comezará cunha explicación do proxecto PaP no Consell Comarcal do Pallars Sobirá, e seguirá cunha visita á planta de compostaxe de Sort e á de Clariana de Cardener. Haberá unha benvida institucional no Consell del Solsonés, onde haberá unha explicación técnica do PaP e tamén da planta mixta de compostaxe. Pola tarde irase á Mancomunidade de La Plana, tamén cunha benvida institucional, para despois coñecer a incorporación da tecnoloxía á recollida de residuos no PaP da zona, así como tamén como se está a implementar a 'Taxa xusta' e como se están a desenvolver as obras da planta de compostaxe. Tamén se visitará a planta de compostaxe de Malla e farase unha visita da recollida PaP en Folgueroles (orgánica con tecnoloxía) e Taradell (orgánica sen tecnoloxía).

O xoves 26 de maio comezará en Argentona cunha benvida institucional das autoridades locais e a explicación do PaP e a 'taxa xusta' que xa leva implantada na zona xa un tempo. A comitiva galega desprazarase despois a un barrio céntrico de Barcelona (Sant Andreu) para ver 'in situ' a recollida PaP. Seguidamente coñecerase a planta de compostaxe de L'Espluga de Francolí, para partir despois cara a Lleida e supervisar a recollida PaP en catro barrios da vila e manter un encontro cos e coas responsables municipais.

Na comitiva do Revitaliza están presentes a alcaldesa de Ponteareas Cristina Fernández Davila, o alcalde de A Cañiza Luís Gómez Piña,e o de Mondariz Xosé Emilio Bello, e as e os concelleiros Tomiño José Luís Vázquez e Ana Belén Casaleiro, o concelleiro Leopoldo Tato Bello de Mondariz, o de Medio Ambiente Óscar González Álvarez de As Neves, o concelleiro Lino Mouriño de Vilagarcía, a concelleira Ángeles Domínguez de O Grove, así como por parte de Poio irán o concelleiro Julio Casás, xunto con diverso persoal técnico. De Soutomaior, Sanxenxo, Tui, A Guarda, Valga, así como da Mancomunidade do Morrazo (Bueu, Cangas e Moaña) asisten á viaxe mestras e mestres composteiros, que se unen ao persoal provincial do Revitaliza, liderado por Carlos Pérez e María Martínez Abraldes, e tamén do CEIDA.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 12 resultados.