Noticias

O Revitaliza prevé aforrar en 2021 máis de 2.600 toneladas de CO2 de emisións á atmosfera grazas á compostaxe de proximidade na provincia

O deputado Uxío Benítez afirma que a repartición e instalación de novos composteiros permitirá mellores cifras de cara a final de ano


28 xaneiro 2021
Composteiro comunitario Revitaliza

Na xornada de hoxe, na que se conmemora o Día Mundial de Redución de Emisións de CO2, a Deputación anunciou que prevé que a provincia de Pontevedra aforre este 2021 unha contaminación de máis de 2.600 toneladas de dióxido de carbono na atmosfera grazas á compostaxe de proximidade nos composteiros comunitarios e individuais repartidos e en funcionamento ao abeiro do Plan Revitaliza.

Os datos fíxoos públicos o deputado responsable do plan provincial, Uxío Benítez, quen destacou que nestes momentos o despregue de composteiros instalados "está indo cun ritmo moi alto -a pesares da pandemia- que se prevé incrementar no segundo trimestre do ano", xa que se poderán realizar sen as vixentes restricións todas as reunións e charlas de formación previstas para a veciñanza.

Segundo o nacionalista, a día de hoxe hai repartidos 12.305 composteiros individuais entre os ‘concellos Revitaliza' e hai instalados 160 composteiros comunitarios con 1.184 unidades modulares e unha capacidade de tratamento –funcionando correctamente- de máis de 7.000 toneladas de biorresiduos (materia orgánica e estruturante) nun ano.

Os cálculos reflicten que eses refugallos suporían, co actual sistema de Sogama, unhas emisións de CO2 de preto de 7.100 toneladas, debido á contaminación tanto pola recollida, o transporte á planta de tratamento, e a incineración. Os números baixan sensiblemente no caso do tratamento do lixo mediante a compostaxe en proximidade, xa que se eliminan a recollida e o transporte, e o tratamento pasa a depender dun proceso natural (en lugar da incineración). As emisións coa compostaxe, así, baixarán un 55 % ata as 4.474 toneladas, é dicir, deixarían de emitirse á atmosfera máis de 2.600 toneladas de CO2.

Benítez destacou que estes datos revelan que o Plan Revitaliza da Deputación está demostrando os seus froitos a nivel económico (cada tonelada de biorresiduos que non vai a Sogama alixeira a factura para os concellos) e tamén ambiental de maneira clara, sobre todo nos concellos que están apostando pola compostaxe como pedra angular no seu modelo de xestión do lixo. "Os números son bos, pero se todo vai como está previsto, o despregue de composteiros aumentará e polo tanto o aforro económico tamén e o aforro de emisións baixarán aínda máis", insistiu.

Nestes momentos os concellos máis aplicados na compostaxe están a ser Vilaboa, As Neves, Mondariz, e Mondariz-Balneario, que xunto a Tomiño, Valga e A Illa de Arousa (ademais de Pontevedra, con plan propio), a piques de cumprir a normativa europea do 50 % de residuos preparados para reciclar ou reaproveitar. En total son 46 os concellos adheridos ao plan provincial.

Benítez fixo un chamamento, ao igual que fixera esta semana o vicepresidente Mosquera, a tomar con seriedade os problemas ambientais e a contaminación. Destacou que a Deputación prevé seguir traballando arreo para cumprir coa lexislación ambiental, tanto con fondos propios como cos programas presentados dentro do Plan estratéxico de fondos europeos presentado hai dous días.

Insistiu, así mesmo, que nesta fase do Plan Revitaliza buscarase unha maior implicación dos concellos que queiran apostar pola compostaxe para "acelerar" o cambio nos sistemas de xestión do lixo de cada municipio e indicou que a fase demostrativa na que se poñía de manifesto a viabilidade da compostaxe xa rematou.

"Temos que ter claro que as nosas actuacións teñen consecuencias no medio ambiente. Os recursos naturais son escasos e non podemos pensar que podemos contaminar libremente sen ter repercusións", finalizou.