Noticias

O Revitaliza reforza a atención personalizada e o seguimento de máis de 5.750 composteiros individuais na provincia por vía telefónica

Persoal técnico da Deputación realizará desde mañá chamadas semanais aos domicilios que compostan na casa para obter datos de primeira man e achegarlles formación e respostas ás persoas usuarias


06 abril 2020

"Bo día. Formo parte do equipo técnico do Revitaliza da Deputación e gustaríame falar con alguén do seu domicilio sobre o composteiro individual que ten na casa". Esa será a frase coa que comezará a chamada telefónica que recibirán semanalmente –mentres dure o confinamento– arredor de 5.750 familias que dispoñen de composteiros individuais en activo grazas ao Plan Revitaliza, o plan provincial de residuos baseado na compostaxe. O obxectivo da Deputación é facer un seguimento de todos os recipientes entregados na provincia e comprobar que o proceso de compostaxe se realiza correctamente.

Segundo explica o deputado responsable do Revitaliza, Uxío Benítez, nas últimas semanas, e debido ao aumento de estancia nos domicilios, "a autocompostaxe domiciliaria, esa que nós chamamos ‘compostaxe individual' (COIN), adquiriu unha máis que evidente e absolutamente incontestable relevancia". De feito, as vivendas confirmáronse como os lugares de maior produción de residuos orgánicos fronte á situación anterior, na que os produtores singulares (restaurantes, bares, cafeterías…) eran os principais xeradores.

Con este cambio de situación, e dado que non é posible unha comprobación presencial do estado dos composteiros e do seu funcionamento (nivel de enchido, medido de temperatura, calidade do compost…), decidiuse modificar os métodos habituais de control. Se antes a información a recollía directamente a mestra ou mestre composteiro ou o persoal de entidades colaboradoras (Adega, Amigos da Terra ou FRUGA) para subila na plataforma de control do Revitaliza, agora serán as persoas usuarias as que lle achegarán esa información ao persoal técnico vía telefónica. Durante ese contacto terán unha atención e directa e incluso máis frecuente coas mestras e mestres composteiros, que poderán reforzar a súa formación sobre a compostaxe en xeral e resolver as súas dúbidas.

"Coa atención telefónica poderemos manter a toma de datos de moitos dos COIN e aumentamos e garantimos a presenza, dedicación e atención que nestes momentos aporta confianza e se aprecia especialmente. Tamén axudamos á formación personalizada das persoas con COIN na casa e obtemos información de primeira man e fiable sobre necesidades coma, por exemplo, a provisión de estruturante ou de sonda de temperatura", afirma o asesor de residuos, Carlos Pérez.

O responsable técnico do Revitaliza indica que os composteiros individuais demostraron ser moi importantes nun momento de confinamento coma o actual, xa que son internos e lles permiten ás persoas usuarias xestionar o seu lixo orgánico (a meirande parte do que se xera nas casas) sen ter que saír do domicilio, así como pospoñer o traslado doutras fraccións coma as de envases, vidro e papel aos colectores de recollida selectiva. Sinala incluso que "nos domicilios con contaxios poderíanse atender correctamente estes residuos, contribuíndo ao confinamento e limitando así o seu potencial perigo". Pérez insiste, seguindo a evidencia de diversos estudos científicos, que o proceso de compostaxe elimina os virus que puidesen existir no material achegado debido ás temperaturas alcanzadas (sempre superiores a 50 graos e sostidas no tempo).

En canto ao persoal que se fará cargo do traballo telefónico do Revitaliza, o equipo estará formada polas traballadoras e traballadores que non forman parte dos servizos mínimos que deben atender presencialmente os centros de compostaxe comunitaria e que se manteñen en activo –unhas 25 persoas–, ás que se lles une o persoal técnico dos concellos adheridos ao Revitaliza e tamén o persoal de Adega, Amigos da Terra e FRUGA.