O Revitaliza vén de conceder 100.000 € para estudos de xestión e prevención de residuos a Mondariz, As Neves, Valga, O Rosal, Illa de Arousa, O Grove, Tomiño e Poio

O vicepresidente Mosquera, ao abeiro do Día Mundial pola Redución de Emisións de CO2, defende a compostaxe como única ferramenta que pecha o círculo da reciclaxe ao 100%

26/01/2022

Presentación Revitaliza Compostaxe
 

O Revitaliza da Deputación de Pontevedra vén de repartir 100.000 euros en subvencións entre os concellos de Mondariz, As Neves, Valga, O Rosal, Illa de Arousa, O Grove, Tomiño e Poio para financiar ‘Estudos técnicos de xestión e prevención dos residuos municipais’. Estas axudas permitirán aos concellos ter unha radiografía da situación actual e contemplar unha proposta técnica para abordar os residuos de maneira efectiva e viable economicamente e tamén adaptar ordenanzas tipo fiscal e de xestión ás características de cada concello.

As axudas foron solicitadas por 17 municipios, mais só foron seleccionados oito beneficiarios ata cubrir a contía total das subvencións en función da puntuación obtida pola súa implantación da compostaxe, dos datos de recollidas selectivas, ou da dispoñibilidade de persoal especializado. Así, O Grove e Tomiño recibirán 15.000 euros, Mondariz, Valga, Rosal, Illa de Arousa 12.000 euros, e As Neves 9.000 euros, que servirán para financiar o 100% do custe dos traballos. O Concello de Poio recibirá 13.000 euros, o 66,6% do gasto, ata esgotar o crédito provincial.

Segundo explica Mosquera os estudos técnicos deberán centrar os esforzos nos principais xeradores de residuos que, segundo subliña, non son os domicilios (apenas o 40% do total), senón os produtores singulares (restaurantes, centros sanitarios, supermercados, negocios, e outras actividades). Así mesmo, apunta que nos textos será fundamental ter en conta a nova Lei Estatal de Residuos que está en tramitación.

Por outra banda, o vicepresidente lembrou que o vindeiro venres 28 de xaneiro celebrarase o Día Mundial pola Redución de emisións de CO2 e subliñou que a Deputación de Pontevedra quere poñer en valor que a compostaxe é a única ferramenta de xestión de residuos que pecha o círculo da reciclaxe ao 100% e ,ademais, un bo medio para “secuestrar” CO2 na terra –ao fertilizala- en lugar de emitilo á atmosfera: “É un potente mecanismo para loitar contra o cambio climático” . 

Segundo o vicepresidente Mosquera, coa compostaxe non só se evita a grande cantidade de CO2 que se produce con outros sistemas de tratamento como pode ser a incineración (emite un 55% menos de emisións de maneira comparada), senón que ademais ten outras vantaxes, como ser a única ferramenta de xestión de residuos que pecha o círculo da reciclaxe ao 100%.

O nacionalista explica que no crecemento da biomasa, a través da fotosíntese, prodúcese unha fixación de CO2. Apunta que despois, cando a biomasa morre e se compostan os seus restos , o compost incrementa de novo a materia orgánica do solo, fertilizando e fixando este para producir nova biomasa, xerando así unha circularidade.

Mosquera lembrou que estudos puntuais tamén demostran que ao introducir materia orgánica na terra en lugar de abonos químicos tamén se produce un “secuestro” de CO2 que non vai á atmosfera. Apuntou que as emendas orgánicas son as que máis carbono acumulan no solo, polo que a aplicación do compost non só mellora a fertilidade das terras, senón tamén o balance neto de emisión de gases de efecto invernadoiro.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.