Noticias

O Salnés acolle en decembro catro novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro de "SmartPeme"

O programa de asesoramento no ámbito das TIC da Deputación de Pontevedra está destinado ás persoas emprendedoras, autónomas e ás pemes da provincia


06 decembro 2018
SmartPeme en Cambados

O Centro Exposalnés de Cambados acollerá durante este mes de decembro catro novos obradoiros ao abeiro de "SmartPeme", o programa de capacitación tecnolóxica impulsado pola Deputación de Pontevedra. "SmartPeme" oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas. O punto do Centro Exposalnés presta asistencia ao empresariado das comarcas do Salnés e Caldas.

Tras o primeiro obradoiro deste martes "Deseña sinxelamente imaxes abraiantes e profesionais", o seguinte está previsto para o 11 de decembro, ás 19 horas, titulado "Rentabiliza o teu perfil profesional en Facebook". Dous dias despois, o xoves 13 de decembro, ás 19 horas, terá lugar o curso "Aprende a promocionar a túa empresa con Pinterest". Por último, o martes 18 de decembro, ás 19 horas, impartirase o módulo "Bokeh, domina a técnica do desenfoque selectivo". A oficina "SmartPeme" de Cambados, no Centro Exposalnés, atópase no paseo da Calzada, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, no correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou na páxina web www.smartpeme.depo.gal.


Novas relacionadas