Noticias

O Servizo Contra Incendios e de Salvamento e as brigadas da Deputación de Pontevedra atenden ducias de incidencias polo temporal

As inundacións e balsas de auga en tramos de estradas provinciais e a caída de tellas, chapas, árbores ou pedras motivaron a maior parte das saídas dos efectivos


14 novembro 2019
Incidencias temporal

O operativo de seguimento do temporal, posto en marcha esta pasada madrugada polo Goberno da Deputación de Pontevedra, atendeu ducias de incidencias rexistradas polo temporal de chuvia e vento que sacude a provincia ao longo do día de hoxe. Os efectivos do Consorcio Provincial Contra Incendios e de Salvamento adscrito á Deputación e as brigadas do Departamento de Infraestruturas que actúan nas estradas provinciais realizaron máis de 30 saídas a diferentes concellos debido, fundamentalmente, a inundacións puntuais e á caída de árbores, ramas, tellas, enreixados, chapas e elementos de mobiliario urbano.

No caso do persoal do Consorcio Provincial, os efectivos dos parques do Porriño, do Morrazo, do Baixo Miño e do Salnés (en Vilagarcía de Arousa e en Ribadumia) atenderon incidencias nos concellos de Cambados, O Porriño, Salceda de Caselas e Cangas.

Nas estradas provinciais, as brigadas da Deputación de Pontevedra realizaron unha vintena de saídas, sobre todo por balsas de auga na calzada, inundacións, desprendementos de terra, pedras e caída de árbores. As estradas afectadas foron a EP-9406 Galles-A Armenteira, en Meis; a EP-9213 A Granxa-Dorrón, en Sanxenxo; a EP-0019 Figueirido-Marín, en Pontevedra; a EP-0503 Mane-Rebón, en Barro; a EP-6404 Ferreirós-Ollares, en Vila de Cruces; a EP-2704 Sequeiros-Cuartos de Borbén, en Pazos de Borbén; a EP-5304 Vilar-Albeos, en Crecente; a EP-4202 Tortoreos-Rubiós-A Carrasqueira, nas Neves; a EP-4203 Tortoreos-Estación, nas Neves; a EP-8001 Caldas de Reis-Carracedo-Catoira, en Caldas de Reis; a EP-7017 Callobre-Ponte Ledesma, na Estrada; a EP-7005 Aguións-Santeles-Santa Cristina, na Estrada; a EP-7204 Soutelo de Montes-Ratel, en Forcarei; a EP-2601 Mos-Puxeiros, en Mos; a EP-2502 O Cerquido-Ribadelouro, en Salceda de Caselas; a EP-2503 O Cerquido-O Borralliño, en Salceda de Caselas; a EP-2102 Nigrán-Vincios, en Nigrán; e a EP-2005 O Meixoeiro-Cuvi, en Vigo.