Noticias

O viveiro de empresas de Barro acolle catro accións formativas do programa "SmartPeme"

O programa de asesoramento no ámbito das TIC da Deputación de Pontevedra está destinado ás persoas emprendedoras, autónomas e ás pemes da provincia


09 setembro 2018
SmartPeme

O viveiro de empresas de Barro acolle durante este mes de setembro un total de catro accións formativas para a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital. Deste xeito, "SmartPeme" oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, da man das propias implicadas e implicados e coa colaboración das asociacións de empresarias e empresarios e mozas e mozos autónomos.

A primeira cita do mes terá lugar o vindeiro xoves, 13 de setembro, ás 16:30 h coa acción "Fundamentos e Iniciación ao Arduino - Arduino I". A segunda parte deste obradoiro, "Fundamentos e Iniciación ao Arduino - Arduino II" impartirase o xoves da seguinte semana, 20 de setembro, á mesma hora. Por outra banda, o martes 25 de setembro, ás 18 h terá lugar "Aprende que aplicación ten o Blockchain para a túa empresa". E xa por último, "Fundamentos e Iniciación ao Arduino – Arduino III" impartirase o xoves 27 de setembro ás 16:30 h. A oficina "SmartPeme" de Barro atópase no viveiro de empresas do Polígono e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.gal.

"SmartPeme" desenvolve este ano novas carteiras de servizos co obxectivo de continuar axudando ás empresas da provincia a ser máis competitivas na contorna económica actual. O programa abre tres novas grandes liñas: o "Centro Provincial de Economía Dixital" (CPED), no viveiro de empresas de Barro, "SmartPeme Impulsa" e "TurisTIC".

A través do Centro Provincial de Economía Dixital as empresas, persoas autónomas e emprendedoras da provincia poderán coñecer as ferramentas, aplicacións e solucións innovadoras máis relevantes da economía dixital. Para iso, o CPED vaise apoiar nas instalacións do FabLab que a Deputación ten instalado no viveiro de Barro, co obxectivo de posicionarse na vangarda da innovación ao servizo das empresas.

"SmartPeme Impulsa" abre novas vías de asesoramento en materia de innovación, competitividade e internacionalización unindo, deste xeito, os obxectivos das empresas coas máis novas tecnoloxías, procesos e servizos, e preparando ás empresas locais para competir nos mercados internacionais.

Finalmente "TurisTIC" erixirase como o punto de apoio do sector turístico. Este servizo, enmarcado no Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas, pretende potenciar o sector a través de axudas ás empresas para adaptarse á contorna dixital, cun enfoque específico para cada colectivo. Adicionalmente, esta liña de "SmartPeme" contará con algunhas iniciativas innovadoras como serán a creación dunha aceleradora para empresas TIC relacionadas co sector turístico e a creación dun congreso sobre o impacto das novas tecnoloxías no sector.