Noticias

O viveiro de empresas de Barro acolle en novembro catro accións formativas nas TIC do programa "SmartPeme"

O programa de asesoramento no ámbito das TIC da Deputación de Pontevedra está destinado ás persoas emprendedoras, autónomas e ás pemes da provincia


10 novembro 2018
SmartPeme

O viveiro de empresas de Barro acolle durante este mes de novembro un total de catro accións formativas para a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital. Deste xeito, "SmartPeme" oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.

A primeira cita do mes terá lugar o próximo martes, 13 de novembro ás 18:00 horas, coa acción "Introdución ao deseño 3D: FreeCAD III, debuxo 3D avanzado". A segunda acción, "Introdución ao deseño 3D: FreeCAD IV, debuxo 3D avanzado" impartirase o martes da seguinte semana, 15 de novembro, á mesma hora. Por outra banda, o martes 20 de novembro á hora habitual, terá lugar "Impresión 3D: Arquitectura". E xa por último, "Impresión 3D: Medicina" impartirase o martes 27 de novembro á hora de sempre. A oficina "SmartPeme" de Barro atópase no viveiro de empresas do Polígono e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, o enderezo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.gal.

"SmartPeme" desenvolve este ano novas carteiras de servizos co obxectivo de continuar axudando ás empresas da provincia a ser máis competitivas na contorna económica actual. O programa abre tres novas grandes liñas: o "Centro Provincial de Economía Dixital" (CPED), no viveiro de empresas de Barro, "SmartPeme Impulsa" e "TurisTIC".