Noticias

O viveiro de empresas de Barro ofrece este mes de maio catro accións formativas do programa da Deputación de Pontevedra "SmartPeme"

O programa de asesoramento no ámbito das TIC da Deputación de Pontevedra está destinado ás persoas emprendedoras, autónomas e ás pemes da provincia


06 maio 2019
SmartPeme

O viveiro de empresas de Barro acollerá no mes de maio catro novas accións formativas para a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital. Deste xeito, "SmartPeme" oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man das propias implicadas e implicados e coa colaboración das asociacións de empresarias e empresarios e de mozas e mozos autónomos.

A primeira cita terá lugar o xoves, 9 de maio, ás 17 horas, coa acción "Programación con Arduino I". O xoves 16, ás 17 horas, levarase a cabo o obradoiro "Programación con Arduino II". A terceira acción, "Programación con Arduino III" impartirase o xoves, 23 de maio, ás 17 horas. E, por último, "Programación con Arduino IV" impartirase o xoves 30 de maio, ás 17 horas. A oficina "SmartPeme" de Barro atópase no viveiro de empresas do Polígono e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.gal.