Noticias

O viveiro de empresas de Barro ofrece no mes de xuño cinco accións formativas do programa da Deputación de Pontevedra "SmartPeme"

O programa de asesoramento no ámbito das TIC da Deputación de Pontevedra está destinado ás persoas emprendedoras, autónomas e ás pemes da provincia


05 xuño 2019
SmartPeme Barro

O viveiro de empresas de Barro acolle neste mes de xuño cinco novas accións formativas para a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital. Deste xeito, "SmartPeme" oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.

A primeira cita terá lugar este xoves, 6 de xuño ás 17 horas (todos os obradoiros deste mes se impartirán a esta hora), coa acción "Fabricación Dixital I". O martes 11 levarase a cabo o obradoiro "Fabricación Dixital II". A terceira acción, "Fabricación Dixital III" impartirase o xoves, 13 de xuño. O penúltimo dos cursos será "Fabricación Dixital IV" e chegará o martes 18. E, por último, "Fabricación Dixital V" impartirase o martes 25 de xuño. A oficina "SmartPeme" de Barro atópase no viveiro de empresas do Polígono e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.gal.