Noticias

O Viveiro de Lalín da Deputación de Pontevedra sae este domingo a rúa e achégase ao mercado

O deputado Manuel González visitará o punto informativo que o Viveiro terá na feira lalinense para promover e difundir as súas actividades


01 novembro 2019
Viveiro de empresas

O Viveiro de Empresas da Deputación de Pontevedra estará presente este domingo na feira de Lalín. Alí, no mercado da vila de Deza, a institución provincial contará cun posto informativo sobre o seu proxecto, que naceu como un espazo compartido co obxectivo de xerar riqueza e actividade económica e, polo tanto, emprego.

O deputado Manuel González asistirá a actividade e achegarase ao punto informativo da Deputación, no que se entregará material informativo ás persoas interesadas. Ademais, no posto haberá un panel sobre o Viveiro de Empresas, utilizando como símil as similitudes cun viveiro de plantas e o seu ciclo de vida.

O punto da Deputación contará tamén cun "composteiro" no que as persoas que participen na actividade poderán botar metaforicamente (anotándoo con papel e bolígrafo) aquilo que non lle sirva pero que lle poida ser útil a outra persoa. Empregando a mesma dinámica, poderán "deixar en barbeito" aquilo que queren que suceda no Viveiro de Empresas ou na comarca de Deza. Por último, o evento pecharase a partir das 12:30 h cunha xincana na que as persoas interesadas deberán superar cinco retos nos que terán que atopar no mercado ou nos seus arredores unha persoa que lles poida explicar o que é un viveiro de empresas; unha persoa que teña pensado montar unha empresa ou que vaia lanzar un proxecto; unha persoa que recicle (terá máis puntuación se ten composteiro) e unha persoa que lles poida dar un consello relacionado coa xestión dun negocio.

No posto tamén se repartirán plantas que se empregarán na dinámica da xincana e que finalmente serán un agasallo para as persoas que se acheguen ao punto de información. Ademais, as persoas gañadoras da proba recibirán como recompensa unha cesta con produtos do mercado.